Burela acollerá a primeira gala solidaria polo Tourette

A Casa da Cultura de Burela acollerá o vindeiro 11 de abril a primeira edición da Gala Solidaria Síndrome de Tourette Galicia, un evento promovido pola asociación Tourette Galicia co obxectivo de dar maior visibilidade a esta condición e ofrecer apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.
Baixo o lema “Xuntos visualizamos o Tourette”, a gala presentará unha programación cultural e solidaria aberta á cidadanía, combinando actuacións musicais, sorteos e outras propostas pensadas para todos os públicos.
O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, ACIA Burela e ABSA, así como coa participación altruísta de diversos grupos e colectivos. Entre os artistas confirmados figuran ACM Arume, o alumnado do CEIP Os Castros, Grupo de Cordas, Sen Límites, Fervenza 0,0 e Golpe de Efecto, que ofrecerán unha variada proposta artística.
As entradas poden adquirirse a través da plataforma A Taquilla, e habilitouse tamén unha Fila 0 solidaria para todas aquelas persoas que queiran colaborar coa causa sen asistir ao evento.
Durante a presentación da gala, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, resaltou que “dende o Concello de Burela queremos apoiar iniciativas que unan cultura e solidariedade. Esta gala é unha oportunidade para visibilizar a síndrome de Tourette e achegar á sociedade o coñecemento desta realidade”. Gómez engadiu que “a cultura ten unha enorme capacidade para xerar empatía e abrir conversas necesarias na sociedade”.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, destacou que “Burela é un concello solidario e comprometido coas causas sociais” e explicou que o goberno local quixo respaldar esta iniciativa que contribúe a dar a coñecer a síndrome de Tourette e o labor da asociación.
Desde Tourette Galicia agradecen o apoio recibido e a acollida do Concello, destacando tamén a colaboración altruísta dos grupos musicais participantes. A asociación subliñou tamén o respaldo do tecido comercial e empresarial de Burela, agradecendo a colaboración de ABSA, ACIA Burela e numerosos establecementos locais que doaron agasallos para os sorteos da gala.
Dende a organización e as entidades colaboradoras animan á veciñanza a participar nesta primeira gala solidaria, que busca converterse nun espazo de sensibilización, apoio e encontro arredor da cultura e a solidariedade.