Burela acolle unha xornada sobre saúde mental e discapacidade intelectual no Hospital da Costa

A deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas e alcaldesa de Burela, Carmela López, inaugurou no Hospital da Costa unha xornada sobre saúde mental e discapacidade intelectual organizada por ASPANANE e FADEMGA Plena Inclusión Galicia. A cita, dirixida a todo tipo de público, desenvólvese ao longo de toda a xornada e servirá para compartir boas prácticas de acompañamento e coidado.
“O noso obxectivo tanto desde o Concello como desde a Deputación é garantir que todas as persoas, independentemente das súas capacidades ou idade, teñan acceso a unha vida digna, autónoma e plena”, argumentou a Deputada. Asegurou que ese compromiso implica “promover políticas públicas que aseguren recursos adecuados en saúde, educación e servizos sociais”.
Carmela López puxo en valor o papel “esencial” das familias no coidado, a importancia na formación dos profesionais para que actúen con “sensibilidade e eficacia” comprendendo as necesidades específicas do colectivo e tamén convidou á sociedade a “romper cos estigmas e prexuízos”.
Compromiso da institución provincial
A Deputación coa Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA) cunha achega de 8.000€ e leva anos destinando unha aportación económica de 2.500€ anuais para o servizo de orientación laboral da entidade, que beneficia a máis de 700 persoas. A ASPANANE, a Asociación de Pais de Persoas Con Discapacidade Intelectual de Viveiro, a institución provincial achegou nos últimos 8 anos un investimento de máis de 165.000€ para o funcionamento desta entidade e as melloras na súa sede.