Burela acolle unha nova parada da campaña comercial da FCAM este 29 de novembro

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) levará este sábado 29 de novembro a Burela unha nova parada da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, unha iniciativa que busca promover as adquisicións no pequeno comercio da comarca. A presidenta da entidade, Carmen Cruzado, explicou que “o sistema será o mesmo que nos sorteos anteriores celebrados en Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova e Xove”.
Segundo detallou, todas as persoas que realicen compras nos establecementos asociados a Acia Burela entre o 24 e o 29 de novembro entrarán nun sorteo de 500 euros en vales de compra. Ese sorteo celebrarase o sábado ás 20:00 horas na Praza da Mariña. “Os convidados especiais cos que imos contar serán os encargados de entregar os vales de compra ás persoas afortunadas”, indicou Cruzado, quen tamén avanzou que durante a súa visita “imos mostrarlles diferentes enclaves turísticos de Burela e tamén a excelente gastronomía da Mariña Lucense”.
Ata Burela viaxarán o director de cine Ángel de la Cruz, a actriz Estíbaliz Veiga, a xornalista e escritora María Solar e o guía turístico Guido Guía, que acompañarán á organización nesta última xornada da campaña.
Desde a FCAM insistiron en que o propósito da iniciativa é “facer unha forte aposta polas compras no pequeno comercio das nosas vilas”. Recordaron que esta acción achega á comarca persoas destacadas “pola súa profesión no xornalismo, na música, na escritura, no deporte ou no cine”, co obxectivo de que actúen como reclamo comercial e contribúan a dinamizar as rúas. A campaña arrancou a finais de outubro en Foz e Barreiros, continuou por Lourenzá e Mondoñedo, Ribadeo e A Pontenova, Xove e Viveiro, e pechará o seu percorrido este sábado en Burela.