Burela acolle o XV Curso Interdisciplinar de Música para nenos e nenas a partir de 4 anos

Burela prepárase para unha semana dedicada á música coa celebración do XV Curso Interdisciplinar de Música, organizado pola Escola Municipal de Música da vila. A actividade desenvolverase do 2 ao 7 de setembro, en horario de mañá, de 10:30 a 12:00 horas, e está pensada para nenos e nenas a partir dos 4 anos.
Durante estes días, a cativada poderá participar en diversas actividades musicais nas que traballarán o ritmo, a voz e a práctica instrumental, adaptadas á súa idade. Os participantes terán a oportunidade de coñecer instrumentos de corda, vento e percusión, “convertendo cada sesión nun espazo de aprendizaxe creativo e divertido”, sinalou o tenente de alcaldesa, Mario Pillado.
O curso culminará o domingo 7 de setembro cunha actuación do alumnado no Cantiños da Osa, dentro do Festival Osa do Mar, onde poderán compartir co público todo o aprendido ao longo da semana.
Mario Pillado destacou que “este curso ofrece unha oportunidade única de achegarse ao mundo da música de maneira gratuíta, lúdica e participativa, e ademais permite á rapazada vivir a experiencia de subir a un escenario tan especial como o do Osa do Mar”.
As inscricións son gratuitas e poden formalizarse enviando o boletín cuberto ao correo electrónico escolademusica@burela.org
ou entregándoo na propia Escola de Música. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 607 423 721 e 677 838 812.