Burela acolle o ciclo ‘Ciencia á feira’ para achegar os temas científicos á sociedade
A Casa da Xuventude do Concello de Burela acollerá o ciclo de obradoiros ‘Ciencia á feira’, que teñen como obxectivo achegar temas de interese científico á sociedade. A iniciativa, que está dirixida tanto ao alumnado dos institutos como á cidadanía en xeral, comeza o vindeiro venres 20 de outubro.
Os obradoiros que se van a desenvolver serán os de ‘Enfermidades transmitidas por carrachas’ entre outubro e decembro, ‘Xestión sustentable da auga’ entre xaneiro e marzo, e ‘Propagación vexetal e as súas implicacións’ entre abril e xuño.
A primeira sesión, como parte do obradoiro de ‘Enfermidades transmitidas por carrachas’, terá lugar ás 12.00 do venres 20. Cada sesión comporase dunha charla de 30 minutos e dun obradoiro de hora e media de duración.
As actividades realizaranse coincidindo coa feira municipal, que se celebra cada venres. Instalarase un posto no mercado de Burela onde se informará e repartirá material didáctico sobre o tema.