Burela achega a mocidade aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible cunha ruta guiada

AMariñaXa
A actividade “Tódolos ODS son locais” celebrarase o 9 de outubro e combina percorrido urbano con realidade virtual
realidade-virtual-cervo
30 Sep 2025

O Concello de Burela, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organiza o vindeiro xoves 9 de outubro unha proposta educativa destinada á rapazada de entre 12 e 18 anos. Trátase da ruta guiada “Tódolos ODS son locais”, unha actividade que busca vincular distintos espazos da vila cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. A cita dará comezo ás 17:00 horas e enmárcase dentro do programa europeo People & Planet, do que Burela forma parte.

A iniciativa deseñou un itinerario que permite descubrir como os ODS están presentes na vida cotiá. Así, o CIM (Centro de Información á Muller) asóciase ao ODS 5 Igualdade de Xénero, a estación de autobuses e tren co ODS 11 Cidades e comunidades sostibles, a fonte de Neptuno co ODS 6 Auga limpa e saneamento, os hortos urbanos co ODS 2 Fame cero, a praia da Marosa co ODS 14 Vida mariña e o monte Castelo co ODS 13 Acción polo clima.

En cada un destes lugares instalouse un panel informativo con código QR, que permite ampliar os contidos mediante dispositivos móbiles. Ademais, o Fondo Galego achega gafas de realidade virtual que ofrecen a posibilidade de explorar a ruta de maneira inmersiva. Durante a xornada visitaranse os espazos máis próximos e, como colofón, a Casa da Xuventude acollerá a visualización das localizacións da Marosa e do monte Castelo a través da realidade virtual.

Desde o Concello destacan que a proposta pretende amosar que a sustentabilidade non é un concepto afastado, senón unha realidade próxima con impacto directo na vida diaria. Para participar na ruta é preciso inscribirse previamente na páxina ods.fondogalego.gal
ou solicitar máis información no correo casaxuventude@burela.org e no teléfono 982 58 11 41.

⚙ Configurar cookies
0.1524350643158