Burela acenderá o Nadal o 5 de decembro cun programa festivo pensado para toda a veciñanza

AMariñaXa
O Concello presenta “Burela dá Luz ao Nadal”, unha tarde con música, actividades infantís, chocolatada e o acendido oficial dun alumeado que se renovará durante dous anos
Burela-decoracion-Nadal-2022-(1)
21 Nov 2025

O Concello de Burela vén de anunciar o programa “Burela dá Luz ao Nadal”, unha proposta con actividades para todos os públicos que terá lugar o vindeiro 5 de decembro e coa que se dará a benvida oficial ás festas. A xornada comezará ás 17:30 horas na Praza do Concello, onde haberá pintacaras infantil, globoflexia e animación musical coa Festicultores Troupe, creando un ambiente dinámico pensado especialmente para as familias.

Ás 19:00 horas está prevista unha chocolatada aberta á veciñanza, mentres que ás 19:30 horas se celebrará un dos momentos máis agardados: o acendido oficial do alumeado de Nadal, que estará acompañado pola música da Escola de Música de Burela. Como colofón, ás 20:00 horas a Praza da Mariña acollerá un concerto do grupo COVA do CAN Rock.

A concelleira de Festexos, Patricia Eijo, subliñou que “este ano apostamos por un Nadal vivo, participativo e pensado para que as familias gocen da rúa. Queremos que Burela se encha de luz, música e ilusión dende o primeiro día”. Engadiu que o acendido é sempre “un momento moi especial para a veciñanza”, razón pola que o Concello preparou “unha tarde chea de actividade e ambiente festivo”.

O contrato da iluminación de Nadal foi adxudicado por dous anos á empresa Iluminaciones Santiaguesas, S.L., cun importe total de 108.000 euros (IVE incluído). A concelleira sinalou que esta contratación garante “unha iluminación moderna e segura, que contribúe a dinamizar o comercio e a vida social nestas datas tan importantes”.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “o Nadal é unha oportunidade para dinamizar as rúas, apoiar aos negocios de proximidade e facer vila”, e convidou “a toda a veciñanza a participar, a gozar deste acendido e a ser parte dun Nadal que fai comunidade”.

⚙ Configurar cookies
0.07180118560791