Burela abre un novo aparcadoiro municipal con 43 prazas dentro do seu Plan de Mobilidade Sostible

AMariñaXa
O estacionamento, situado entre as rúas Leandro Cucurny e José María González Río, forma parte das medidas para mellorar a accesibilidade e a fluidez do tráfico na vila
BURELA-NOVO-APARCAMENTO-DE-LEANDRO-CUCURNY-E-JOSe-MARiA-GONZaLEZ-RiO
13 Oct 2025

Burela conta desde esta semana cun novo aparcadoiro municipal, situado entre as rúas Leandro Cucurny e José María González Río, que xa abriu as súas portas ao público. O espazo dispón de 43 prazas de estacionamento, unha delas reservada para persoas con mobilidade reducida, e supón un paso máis dentro das actuacións incluídas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do Concello.

A alcaldesa, Carmela López, explicou que “con este aparcadoiro abrimos o primeiro dos novos espazos de estacionamento que temos previsto poñer en marcha nos próximos meses. Trátase dunha mellora pensada para facer de Burela unha vila máis accesible, cómoda e ordenada, tanto para os residentes como para as persoas que nos visitan”.

A rexedora destacou tamén que a apertura deste novo espazo de estacionamento se complementará cun cambio no sentido de circulación da rúa Leandro Cucurny, no tramo comprendido entre Curros Enríquez e Lamestra, que entrará en vigor a partir do martes 14 de outubro. Esta modificación permitirá mellorar a seguridade viaria e optimizar o fluxo de vehículos nesta contorna, finalizando así os axustes previstos nesta zona dentro do PMUS.

Segundo indicou López, “estes cambios de circulación e a creación de novas prazas de aparcamento axudan a dar resposta a unha das principais demandas da veciñanza, que é contar cun tráfico máis fluído e con mellores opcións de estacionamento no centro urbano”.

A alcaldesa insistiu en que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible “non é unha actuación illada, senón unha estratexia integral que busca reorganizar os espazos públicos, favorecer os desprazamentos a pé e mellorar a convivencia entre vehículos e peóns”.

Desde o Concello de Burela lembran que esta iniciativa forma parte dun proxecto máis amplo de modernización urbana, que inclúe tamén melloras na sinalización viaria, a creación de zonas seguras para o peón e a posta en valor de áreas de uso público.

⚙ Configurar cookies
0.069307804107666