Burela abre o prazo de inscrición para o Concurso contra a Discriminación Racial

AMariñaXa
O concurso estará aberto a persoas de todas as idades e contará con tres categorías
Cartel-concurso-Burela-Discriminación-Racial-2025
20 Feb 2025

O Concello de Burela abre o prazo de inscrición para a undécima edición do Concurso contra a Discriminación Racial. A partir do vindeiro 21 de febreiro e ata o 21 de marzo, todas as persoas interesadas poderán inscribirse e presentar os seus traballos en diferentes formatos, desde debuxos e pinturas ata vídeos, lemas ou textos, sempre que transmitan unha mensaxe clara contra a discriminación racial.

A participación no concurso está aberta a todas aquelas persoas que teñan cumpridos os 6 anos antes da data límite de presentación. O concurso distribúese en tres categorías: a primeira para nenos e nenas de 6 a 12 anos, a segunda para adolescentes de 13 a 17 anos, e a terceira para persoas de 18 anos en diante.

Os traballos poderán entregarse de forma presencial no Concello de Burela, por correo postal ou a través do correo electrónico integracioninmigrantes@burela.org. As persoas interesadas deberán achegar a folla de inscrición correspondente, xunto cun documento identificativo (DNI, NIE, pasaporte ou libro de familia). No caso dos menores de idade, será necesaria unha autorización.

As bases do concurso, xunto coa folla de inscrición, están tamén dispoñibles na web do Concello de Burela. O cartel do concurso deste ano foi elaborado por Shiva Eliska Alinda Nurhakim, unha das gañadoras da edición anterior. Segundo destacou o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado: “Pareceunos tan bo e que representaba tanto os valores que pretendemos transmitir con este concurso que era o máis axeitado. Ademais, pretendemos instaurar que os traballos elexidos poidan ter difusión e a oportunidade de protagonizar os carteis que empregamos para publicitar diferentes propostas”.

Para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas poden achegarse ao Concello de Burela ou chamar ao teléfono 982 586 000.

0.19496512413025