Burela abre o prazo de inscrición nas actividades de verán

AMariñaXa
O Concello de Burela anuncia a apertura do prazo de inscrición nas actividades de verán das que poderán desfrutar as nenas e nenos
Actividades Veran Burela 2
11 Xuño 2021

O Concello de Burela anuncia a apertura do prazo de inscrición nas actividades de verán das que poderán desfrutar as nenas e nenos nados entre os anos 2009 e 2015. Todas serán ao aire libre. Haberá rutas de sendeirismo, xogos na praia, rutas en bicicleta, baloncesto e happy dance. O prezo mensual por actividade será de 8 euros e as follas de inscrición deberán presentarse do 21 ao 23 de xuño na Casa da Xuventude. O día 25 farase pública a lista de admitidos e as actividades comezarán o 28 de xuño e rematarán o 27 de agosto.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, explicou que “desde a Delegación de Deportes queremos anunciar o inicio da fecha de inscrición para as actividades deportivas do verán. Este ano temos unha serie de novidades, tamén derivadas da situación na que estamos vivindo. Apostamos polas actividades ao aire libre, co cal os luns imos ter rutas de sendeirismo, os martes imos facer xogos na praia, os mércores imos ter rutas en bicicleta e baloncesto, os xoves imos ter unha nova actividade denominada happy dance, que esperemos que saia ben xa que imos ter unha monitora para dar zumba ou baile moderno, e os venres volvemos ter rutas en bicicleta”.

O edil burelés sinalou que “está aberto o prazo para cubrir a ficha de inscrición que se poderá entregar na Casa da Xuventude os días 21, 22 e 23 de xuño. Hai que presentar unha serie de documentación como a ficha de inscrición cuberta, unha fotocopia do DNI do pai ou da nai, libro de familia, o xustificante de pago da actividade e a firma do protocolo covid19. O custe das actividades vai ser 8 euros ao mes por actividade. Entendemos que é moi asumible para calquera neno. E o venres 25 farase pública a lista de admitidos na Casa da Xuventude”.

Ramiro Fernández contou que “as actividades van dar comezo o 28 de xuño e rematarán o 27 de agosto. Temos pensado na última semana facer unha gran festa para toda a xente que participou nestas actividades. Estamos cerrando unha sorpresa para ter na praza e que os nenos, tanto das escolas, como o resto xa que temos pensado abrilo ao público en xeral, teñan unha atracción que vai chamar a atención e vai gustar. Estamos vendo que número de nenos podemos ter en cada actividade, todo será en función de como vaia evolucionando a pandemia e as limitacións que nos poñan desde a Xunta de Galicia para estas actividades. Todos os nenos van ter o seu seguro de accidente por se houbera calquera problema durante as actividades. Imos tramitar o cumprimento das medidas sanitarias”.

O concelleiro de Deportes anima “a todos os nenos e todas as nenas que queiran a apuntarse. Evidentemente seguramente todos non poidan facelo, pero imos intentar que entren os máximos posibles para poder ter estas actividades durante os meses de xullo e agosto en Burela. A ficha de inscrición está a disposición de todos os interesados, tanto na páxina web do Concello como na Casa da Xuventude, na Biblioteca e na propia Casa do Concello. Quero recalcar que a entrega terá que ser os días 21, 22 e 23, na Casa da Xuventude, porque vai ser por rigoroso orde de chegada a inscrición nas actividades”.

Actividades Verán Burela
0.18418002128601