Bravos recupera o seu ciclo teatral cunha nova edición cargada de humor e emoción

O teatro volverá ocupar un lugar protagonista en Bravos, no Concello de Ourol, coa celebración do II Ciclo de Teatro, unha programación que aposta polo humor, a emoción e as historias próximas para reunir ao público durante o Nadal e o mes de xaneiro. A iniciativa, organizada pola Asociación Cultural e Recreativa Deportiva Aturuxeiros de Bravos, busca consolidar este espazo cultural como punto de encontro veciñal.
As representacións desenvolveranse os días 27 de decembro e 17, 24 e 31 de xaneiro, sempre ás 18:00 horas, no Local Social de Bravos. Por este escenario pasarán grupos teatrais de distintos puntos da comarca e tamén a compañía anfitrioa.
O ciclo abrirase o 27 de decembro coa actuación do Grupo de Teatro Sr. López, que se achegará á parroquia coa obra “A viaxe do Sr. López”. Xa o 17 de xaneiro será a quenda do Grupo Ardora de Cervo, que presentará “Aire fresco”. O 24 de xaneiro subirase ao escenario o Grupo de Teatro Antas de Ulla, que representará “Catro cortos nun banco”. Finalmente, o 31 de xaneiro pecharán a programación os Aturuxeiros de Bravos coa súa proposta “Vaia co pronóstico”.
Dende a organización destacan que esta segunda edición pretende reafirmar o compromiso co teatro afeccionado e ofrecer ao público local unha oportunidade para desfrutar dunha programación accesible, variada e pensada para todas as idades.