Bravos acolle un ciclo de teatro con compañías da Mariña

O mes de marzo traerá a Bravos un ciclo de teatro con varias representacións a cargo de compañías da Mariña. As funcións terán lugar os domingos 9, 23 e 30 ás 18:30 no local social de Bravos, ofrecendo unha oportunidade única para desfrutar da cultura en comunidade.
O programa inclúe tres obras de distintos estilos. O día 9 de marzo, o Grupo de Teatro Pico do Castro representará "O Randiña". O domingo 23 será a quenda do Grupo de Teatro O Centiño, que porá en escena "Trepa, tripa e tropa". O ciclo pecharase o día 30 de marzo coa comedia "A presa", a cargo do Grupo Humorístico Trípode.
A organización, a cargo da ACRD Aturuxeiros de Bravos, convida a toda a veciñanza a achegarse para gozar dunha tarde de teatro e diversión. Ademais, nos días previos a cada función, darase máis información sobre cada unha das representacións.