Bota a andar o Ribadeo Ilustrado dedicado a Antonio Raimundo Ibáñez
Todo está listo para a celebración da cuarta edición do Ribadeo Ilustrado que se celebra ata o 8 de xuño. A cita estará dedicada a Antonio Raimundo Ibáñez, fundador da Real Compañía Marítima. O programa de actividades dará comezo “cun concerto da Orquestra de Cámara Galega na igrexa parroquial a partires das nove menos cuarto da noite”, asegurou a concelleira de Turismo, Marta Saiz.
Saiz seguiu a relatar que “xa o venres pola tarde ás seis e dez na Casa do Concello terá lugar a presentación do libro As máscaras de Ibáñez, o Marqués de Sargadelos que nunca foi, a cargo de Avelaiña Teatro, que despois representarán a obra do mesmo título ás 20.30 horas no auditorio municipal”.
E ás sete o ribadense Alberto Paraje, secretario da Asociación de Estudos Históricos de Galicia, falará sobre O Ribadeo de hai 300 anos visto polos ilustrados. O paseo previsto para o sábado, día 8, suspéndense por mor do mal tempo previsto para esa xornada.
“A todas esas persoas queremos agradecerlles a súa participación nesta cita, que rematará cunha degustación da época. Lembrar que disporemos tamén dun minibús para a viaxe de volta ata a Praza de España”. Deste xeito, animan a “ribadenses e visitantes a desfrutar da cuarta edición do Ribadeo Ilustrado, que con tanto agarimo preparamos desde a Concellería de Turismo”.