Bota a andar o obradoiro Ribadeo prepara o teu camiño
O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu a presentación do obradoiro Ribadeo prepara o teu camiño. Terá unha duración de nove meses e formará a 20 persoas en situación de desemprego, maiores de 18 anos.
Neste obradoiro dual de emprego incorpóranse 20 novos traballadores, 20 novos alumnos e novas alumnas que antes estaban en situación de desemprego cuns contratos de duración de nove meses, para realizar unha serie de obras e unha serie de prestacións de servizos tamén para, sobre todo, axudar a promocionar turísticamente o Concello de Ribadeo, baseandose nos recursos xa coñecidos, recursos naturais, históricos, patrimoniais en definitiva e que son totalmente propios do Camiño de Santiago ao paso polo noso concello.
O aproveitamento da formación que se vai impartir e que forma parte deste obradoiro persigue varios obxectivos principais. En primeiro lugar, o máis evidente, que as persoas que resultaron seleccionadas desfruten desde xa dun contrato laboral de carácter dual que lles permita obter ao final da formación un certificado de profesionalidade para poder incorporarse dunha forma máis axeitada ao mercado laboral nestas materias que están relacionadas coa imaxe, co mundo dixital, coa comunicación, co marketing e coa promoción turística. Outro obxectivo importantísimo é que os traballos que realicen deixen pegada en Ribadeo a axuden a potencialo como un punto de referencia no Camiño Norte, e que resulte cada vez máis atractivo para os peregrinos, para os visitantes e tamén para os nosos veciños. E consolidar unha marca xa existente, que denominados Ribadeo alén do Camiño, destacando que se trata dun produto turístico específico aproveitando que son a porta de entrada en Galicia do Camiño Norte.