Boimente prepárase para vivir unha nova edición da Rapa das Bestas, con tradición, festa e emoción a esgalla

Boimente (Viveiro) volverá converterse o primeiro fin de semana de xullo no epicentro da cultura popular galega coa celebración da 54ª Feira e Festa da Rapa das Bestas, unha tradición centenaria que congrega cada ano milleiros de persoas no curro de Candaoso, en plena serra de Buio.
A festa, declarada de interese turístico, mestura o respecto polo mundo equino coa música, a gastronomía e o lecer ao aire libre, e desenvolverase durante os días sábado 5 e domingo 6 de xullo de 2025. O ambiente festivo arrincará o sábado coa sesión vermú a cargo do Dúo Belinda, que tamén animará a tarde, acompañados pola discoteca móbil Conxuro.
O domingo será a xornada grande, coa feira de gando cabalar e as típicas sopas de allo, prato tradicional que se serve cada ano aos asistentes. Ás 10 da mañá comezará a baixada dos cabalos desde os montes cara ao curro, un dos momentos máis esperados pola veciñanza e visitantes. A continuación, de 10 a 12 horas, realizaranse as inscricións para as diferentes carreiras e competicións ecuestres, ademais da medición dos exemplares segundo a normativa da federación.
A partir das 16:00 horas, o campo de carreira acollerá unha intensa tarde de probas de andadura, serrada, chapeada e carreiras de burros, con premios en metálico e trofeos para os mellores participantes en cada categoría. A sesión vermú correrá a cargo do grupo Puzzle, que tamén animará a xornada con música e actividades.
A organización contará tamén cun foodtruck para degustación de produtos autóctonos das razas de Puraga, grazas á colaboración coa Área de Rural da Deputación de Lugo, dentro do programa “Un rural de gusto”.
A Rapa das Bestas de Boimente é moito máis ca unha festa: é un encontro interxeracional co patrimonio vivo do rural galego, unha mostra de identidade e convivencia en torno ao coidado e manexo dos cabalos salvaxes dos montes de Viveiro.