Bo ritmo na mellora das instalacións do pavillón de Sante, en Trabada
O concelleiro de Deportes e Saúde do Concello de Trabada, Rubén García, e a concelleira de Educación, Igualdade e Desenvolvemento Local, Julia Barcia, supervisaron a execución das obras dos novos vestiarios no pavillón polideportivo de Sante.
O proxecto consiste na instalación duns vestiarios no pavillón polideportivo de Sante para lograr un maior aproveitamento das instalacions deportivas, así como a substitución da porta principal por unha de maiores dimensións.
“Consideramos necesaria esta actuación para a parroquia de Sante, xa que ademais da realización de actividades deportivas, esta instalación é utilizada para actividades socioculturais por parte dos veciños e veciñas de Sante; engadimos esta actuación ás anteriormente feitas nesta mesma instalación, como foron a substitución da cuberta ou a substitución do alumeado”, lembra Rubén García.
“Estas actuacións únense a outras feitas polo noso goberno nas infraestruturas deportivas de Trabada, como foi a mellora e equipamento do ximnasio municipal e dos vestiarios do pavillón de Trabada, ou a construción da pista de pádel municipal; queremos ofertar un amplo número de servizos e actividades deportivas e saudables”, engadiu o concelleiro de Deportes e Saúde.
Neste verán, o concello organizou numerosas actividades deportivas e educativas, como foron o campamento de verán, as actividades para maiores de 12 anos ou a apertura da piscina municipal, que tivo que ser financiada con fondos propios do Concello debido á dificultade para encontrar socorristas que cumprisen os requisitos esixidos polo goberno autonómico.