O BNG traslada ao Parlamento a situación do servizo de Cardioloxía na Mariña
Dende o BNG A Mariña afirman que o servizo de Cardioloxía do Hospital de Burela leva tempo baixo mínimos, xa que desde o mes de febreiro conta soamente con 1 profesional dun total de 3, é dicir: que toda a poboación mariñá tiña únicamente un só cardiólogo na súa sanidade pública.
Mais, por se isto fose pouco, indican, no mes de outubro o Hospital estivo xa tres días, o 23, o 24 e o 25, sen ningún profesional de Cardioloxía, “algo inaudito e inadmisible: unha poboación de 70.000 habitantes como é a comarca de A Mariña sen ningún cardiólogo ou cardióloga no Hospital de Burela” manifestou o deputado mariñao do BNG Daniel Castro que ante esta situación e as continuas demandas de mariñás e mariñaos ao respecto, leva esta grave situación ao Parlamento .
DESDE O 28 DE NOVEMBRO ATA DESPOIS DE NADAL SEN CARDIOLOXÍA
Castro explica tamén que esta situación de extrema gravidade pode verse incrementada a partir do próximo 28 de novembro, xa que desde ese día e polo menos até o 13 de xaneiro este servizo estará pechado pola ausencia do único especialista que soporta a demanda de esta especialidade na Mariña.
Esta situación denunciada polo BNG trae consigo unha serie de consecuencias para todos e todas: “A primeira e a máis obvia é que con un só cardiólogo é imposible atender a consulta diaria, alén de que o Hospital da Mariña non asume ingresos de pacientes de Cardioloxía” .
TRASLADOS A LUGO
Manifestan desde o BNG que a cuestión aínda se volve máis grave dado que os e as pacientes de Cardioloxía que precisan ingreso son trasladados ao HULA, “a onde chegan sen cama asignada, o que fai que teñan que acceder por Urxencias”. E seguindo nesa escala de gravidade hai que ter en conta tamén que os e as pacientes cun episodio cardiovascular agudo que acoden a Hemodinámica do HULA por precisar dun cateterismo, non poden volver ao Hospital da Mariña, tendo que quedar ingresados en Lugo por falta de especialistas na comarca.
E por último, calquera doente que entre por Urxencias e precise de probas cardiolóxicas será citado ou citada para a realización das mesmas no HULA, un feito que demorará o seu diagnóstico e o que provocará un aumento das listas de agarda, unhas listas que xa de por si teñen unhas esperas altísimas.
SÓ UNHA AMBULANCIA MEDICALIZADA PARA TODA A COMARCA
Toda esta situación, afirman, afectará a calquera mariñán ou mariñá debido a que a ambulancia medicalizada que hai na comarca asume os traslados de Cardioloxía ao HULA, deixando así á comarca sen a única ambulancia que permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.
“Todo o dito vén a demostrar unha vez máis que os servizos no Hospital comarcal empeoraron dun xeito máis que palpable debido á nefasta xestión do Partido Popular e que día tras día non fan outra cousa que seguir empeorando, a menos que se lle poña solución de xeito inmediato, e por iso imos instar á Xunta de Galiza a que coa maior urxencia e inmediatez se lle asignen ao Hospital da Mariña os profesionais do servizo de Cardioloxía que lle corresponden” asegurou Daniel Castro.