BNG e PSOE de Riotorto únense contra a planta de residuos de Aldurfe

TerraChaXa | AMariñaXa
Os Concelleiros do PSdeG e do BNG rexistraron a petición dun pleno extraordinario para debater o emprazamento da planta de residuos.
bng psoe de riotorto peticion pleno extraordinario planta de residuos
30 sep 2021

Os Concelleiros do PSdeG no Concello de Riotorto, José García Freije e Francisco Fernández Veiga, xunto ao concelleiro do BNG, Luís Fernández Fernández, rexistraron a petición de celebración dun pleno extraordinario para debater o emprazamento da planta de residuos no Concello de Riotorto.

García Freije lembrou que o pasado luns dia 27 de setembro a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, xunto alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, anunciaron que a parroquia de Aldurfe ía ser o emprazamento para a instalación dunha planta de residuos no Concello. Neste acto tamén estiveron presentes alcaldes e concelleiros da Pontenova, Meira, Pastoriza, Pol e Ribeira de Piquín que coñeceron neste mesmo acto que Aldurfe sería o emprazamento para a construción desta nova dotación, que da servicio a todos estes concellos.

Así as cousas hai que lembrar que os alcaldes socialistas tralo acto, fixeron público o seu rexeitamento a este emprazamento, “xa que non conta cos accesos adecuados, esta preto das vivendas e das explotacións gandeiras e o máis importante, non conta coa aprobación e o respaldo da veciñanza”. E lembran que nestes intres xa existe un emprazamento idóneo para a ubicación da planta de residuos que sería o Punto Limpio Serra de Meira, que xa conta con dotacións, espazo e accesos para este proxecto.

O voceiro socialista de Riotorto, José García, advertiu ademais que os propios veciños e veciñas da parroquia de Aldurfe denunciaron que se enteraron de que a planta de residuos se ía instalar nesta parroquia fai 4 días, “é dicir sen ningunha mediación coa veciñanza, nin explicación nin por parte do alcalde Clemente Iglesias, nin por parte do PP. Por iso solicitamos este pleno extraordinario, xa que entendemos que a veciñanza de Aldurfe quere escoitar as explicacións do Alcalde sobre como decidiu que este núcleo gandeiro era o idóneo para instalar unha planta de residuos”, remarca.

BNG

O BNG de Riotorto esixirá a paralización da construción da planta de transferencia de residuos de Sogama, no Franco, en Aldurfe, tal como demanda a veciñanza. A formación nacionalista solicitou, co apoio do grupo municipal do PSdG-PSOE, a convocatoria dun pleno extraordinario que terá que celebrarse antes de quince días e no que demandará a suspensión do proxecto, agora en fase de licitación.

O concelleiro do BNG, Luís Fernández, explicou que a ubicación prevista, nunha masa de concentración parcelaria de titularidade municipal, “é incompatible coa actividade gandeira.

"A planta non pode construírse, como pretende o Concello, no medio das casas e das fincas porque afectaría de forma gravísima ao medio de vida dos veciños e veciñas, e tampouco ten os accesos que se requiren para o movemento de camións que se xeneraría”, apuntou o representante nacionalista.

Desde o BNG apuntan que o goberno municipal ten na súa man a paralización do proxecto, revocando a cesión de uso dos terreos que aprobaron sen ter en conta o interese da veciñanza nin as consecuencias ambientais que a nave terá na contorna, onde tamén se sitúa un punto de captación de auga do Roldín que abastece as parroquias de Riotorto e Espasande de Abaixo.

A formación nacionalista confía en que a mobilización social e a presión política obriguen ao goberno municipal a rectificar.

ALDURFE

O Concello de Riotorto aprobou nunha Xunta de Goberno Local, na que só están representados os membros do Goberno do PP, a instalación dunha nova planta de residuos na parroquia de Aldurfe, un núcleo que vive da gandeiria. E tal e como puidemos constatar estes días, conta cunha oposición frontal da veciñanza xa que o PP non lles informou en ningún momento deste proxecto. Ademais esta planta estaría emprazada nun núcleo rural, preto das casas e tamén do punto de captación de auga do Roldín, que abastece a moitas familias das parroquias de Riotorto e Espasande de Abaixo. Ademais as vías de acceso ao terreo non teñen as condicións para soportar o tráfico pesadO.

0.17697095870972