BNG e PP presentan mocións e preguntas para solucionar o problema do Fiouco

TerraChaXa | AMariñaXa
Rego reclama ao Executivo que informe de cando entrarán en funcionamento as novas medidas técnicas e Balseiro pide a instalación do láser antinéboa
180424-DG-balizas-O-Fiouco-2
5 Jul 2025

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta por escrito tras un novo accidente múltiple rexistrado no Alto do Fiouco, na A-8, o pasado venres 4 de xullo, no quilómetro 547 á altura da parroquia de Argomoso, no concello de Mondoñedo. No sinistro víronse implicados varios coches e unha moto, resultando varias persoas feridas.

Rego reclama ao Executivo que informe de cando entrarán en funcionamento as novas medidas técnicas permanentes que permitan o tránsito seguro pola zona mesmo en situacións de néboa intensa, e pide unha avaliación do accidente, cuestionando se funcionaron correctamente as balizas intelixentes de sinalización existentes e por que non se pechou o tráfico se a visibilidade era insuficiente para garantir a condución segura.

O BNG solicita que o Goberno acometa de forma urxente as actuacións necesarias para solucionar de maneira definitiva os problemas de seguranza viaria neste tramo da A-8, apostando por unha solución técnica avanzada que permita a circulación nunha zona caracterizada polas néboas persistentes.

Finalmente, o deputado nacionalista pregunta se o Executivo prevé acometer melloras no firme actualmente en mal estado neste tramo da A-8, así como actuacións na N-634, vía que debe absorber o tráfico cando se producen peches na autovía, reclamando información sobre prazos e accións previstas para mellorar a seguridade e mobilidade na zona.

O PP pide no Senado a instalación inmediata e urxente do láser antinéboa

Os senadores do PP de Lugo veñen de presentar unha moción de urxencia na Cámara alta na que demandan ao Goberno de España a instalación de forma inmediata e urxente do sistema de balizamento láser no tramo do Fiouco da autovía do Cantábrico (A-8).

Un novo accidente múltiple pon en evidencia o risco dese tramo cando se circula entre densos bancos de néboa, unha circunstancia meteorolóxica especialmente frecuente na época estival, pero tamén recorrente ao longo do ano.

A iniciativa incorpora unha segunda demanda que, de forma complementaria e compatible co sistema láser, se amplíe a zona na que se atopan instaladas as balizas antinéboa que permiten guiar aos condutores en momentos de fenómenos de meteoroloxía adversa.

Finalmente os populares instan ao Goberno a reforzar os sistemas de control, análise e avaliación das condicións meteorolóxicas na A-8, de tal maneira que se incremente a capacidade de detectar bancos de néboa especialmente intensos ou que xeran baixa visibilidade, aínda que se produzan en tramos máis reducidos.

O senador mariñán, José Manuel Balseiro lembra que desde o Goberno de España leva meses prometendo que se traballa nun novo sistema láser contra as néboas no Fiouco. Un método testado dentro dun amplo estudo que valorou diferentes solucións innovadoras, pero pasan os meses e ningunha delas instálase sobre o terreo. Trátase basicamente dun sistema de iluminación que vai acompañando ao vehículo ao seu paso por toda a zona con néboa para facer ver ao condutor por onde vai a calzada, pero tamén para tratar de mostrar se hai algún vehículo diante que poida supoñer algún problema.

Tamén explica que non hai escusas económicas para xustificar este atraso no reforzo das medidas de seguridade viaria na A-8 xa que os radares de tramo instalados en O Fiouco son, segundo confirman as respostas oficiais, dos que máis recadan por multas e sancións, ata o punto de que só en 2024 superaron os 600.000 euros, unha cantidade moi importante afastada do resto de radares que hai en toda a comarca.

A todo isto, hai que engadir que, mentres desde Executivo central se presume da redución do número de horas nas que ese tramo de autovía se ve pechado á circulación, moitos usuarios denuncian que os bancos de néboas son desiguais e hai zonas -como os lugares onde se rexistran máis accidentes- onde a visibilidade é mínima, con episodios de néboa extrema ou porque están fóra dos tramos convenientemente balizados.

Balseiro conclúe recoñecendo que as densas néboas que se concentran no viaduto do Fiouco foron un problema desde que se inaugurou a autovía. Desde entón hai que lamentar múltiples accidentes, de diferente alcance, que en todo caso levan a requirir un esforzo adicional para que se estuden e implanten con urxencia cantas medidas sexan necesarias para garantir a circulación en condicións de seguridade viaria.

⚙ Configurar cookies
0.163409948349