BNG e PP de Foz aliñanse nunha moción que pide abandonar a OTAN

O pleno municipal celebrado este 26 de marzo en Foz deixou acordos unánimes en cuestións de xestión local, pero tamén abriu unha forte polémica política arredor dunha das mocións debatidas, relacionada coa situación internacional e a OTAN.
Segundo explicou o alcalde, Fran Cajoto, o Goberno local levou dúas propostas que saíron adiante co apoio de todos os grupos: a prórroga do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por un ano e unha encomenda de xestión para o tratamento do contedor de vidro a través dun convenio coa Xunta de Galicia.
Tamén prosperou por unanimidade unha moción do BNG para solicitar a recuperación do GES de Cervo. A iniciativa denunciaba as dificultades e peches rexistrados nos últimos anos, poñendo o foco no caso de Cervo, actualmente inactivo, cuxa reapertura consideran urxente para asegurar a cobertura a máis de 30.000 habitantes. Ademais, solicitaban ás administracións implicadas que avalíen o servizo e adopten medidas para reforzar a súa eficacia e garantir condicións laborais adecuadas ao persoal.
Porén, o debate máis intenso produciuse arredor doutra iniciativa dos nacionalistas sobre a situación en Irán, que incluía un punto para instar ao Goberno de España a saír da OTAN. O BNG presentaba unha moción na que condenaba "a escalada militar impulsada polos Estados Unidos e os seus aliados, especialmente o ataque contra Irán, ao considerar que vulnera o dereito internacional e agrava a inestabilidade en Oriente Medio. O texto advirte das graves consecuencias humanas, económicas e xeopolíticas deste conflito, ao tempo que rexeita tanto as intervencións militares externas como as políticas internas represivas do propio Irán". "A iniciativa aposta por unha saída pacífica baseada no diálogo e reclama medidas á comunidade internacional para frear a guerra, ademais de opoñerse á participación española en operacións militares e á presenza da OTAN", sinalaba a moción.
Desde o PSOE optaron pola abstención ao considerar que esa proposta “non ten sentido”. Cajoto sinalou que “instar a saír da OTAN é unha posición totalmente ilóxica e afastada da realidade actual”, e engadiu que “non se pode cuestionar a pertenza a unha alianza internacional por cuestións conxunturais”.
Os socialistas solicitaron retirar ese punto da moción, pero o BNG rexeitou facelo. Pola súa banda, o Partido Popular tamén pediu modificar o texto para incluír unha condena ao réxime iraní, proposta que foi aceptada. Neste contexto, o Partido Popular de Foz presentou unha emenda de engádega á moción do BNG coa intención de incorporar unha condena expresa ao réxime iraní. A proposta incluía tres novos puntos nos que os populares cualificaban o sistema político dos aiatolás como unha ditadura teocrática e represiva, denunciaban a persecución da poboación civil —con especial atención á situación das mulleres— e apostaban por unha solución política a longo prazo que permita avanzar cara a un escenario de estabilidade e liberdade en Irán. Tamén deixaron constar en acta que estaban en contra de que España saira da OTAN.
Finalmente, o PP votou a favor da moción na súa totalidade e coas emendas, incluído o apartado que defendía a saída de España da OTAN, unha decisión que o PSOE cualificou de “incoherente”. “Non se pode pedir cambiar o texto e, ao conseguilo, apoiar igualmente unha proposta coa que non se está de acordo”, apuntou Cajoto.
O episodio deixou en evidencia as diferenzas entre os grupos e abriu un debate político que transcende o ámbito municipal, ao tocar cuestións de política internacional alleas ás competencias locais.