O BNG de Ribadeo critica os orzamentos municipais e di que o alcalde tivo "unha actitude cínica e escurantista no Pleno"
O BNG de Ribadeo di que o alcalde adoptou "unha actitude cínica, demagóxica e escurantista no Pleno dos orzamentos do ano 2024 e estivo xogando coas palabras e coas quendas de intervención". O grupo municipal do BNG de Ribadeo votou en contra.
Para o BNG son uns orzamentos "faltos de rigor e esaxeradamente inflados ao servizo da vaidade desenfreada de Daniel Vega. Son uns orzamentos que inclúen inversións subvencionadas por convenios, inclúen tamén previsións de ingresos irrealizables no exercicio 2024. Así, por exemplo, hai previsións de ingresos polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), ou polo canon da concesión administrativa da auga, que non se van poder concretar no ano 2024. E iso, porque toda a tramitación que está aínda pendente de realizar lévannos mesmo a finais do ano 2025", din os nacionalistas, "o alcalde quere gastar xa o diñeiro do ano 2025 e aínda non rematou o 2023. Imos apañados".
Tamén detectaron din "que o lixo vai acabar subindo case un 40%" e "erros graves de tramitación con partidas erróneas que non se corresponden con inversións reais; mesmo temos detectado algún apartado en branco, como o do Fondo de Compensación".
En canto aos gastos de persoal, "non son recollidos con fidelidade", din, "pois aparecen partidas que non se axustan ao anexo ademais doutras que están duplicadas. Mesmo no resumo de gastos por capítulos non se recollen os importes reais de gastos de persoal, que en realidade van ascender a 5.064.656,71 euros".
Polo que se refire a gastos sociais "hai unha clara redución de partidas. Así, en subministración para alimentos redúcese drasticamente a partida e no CIM diminúe até un 50%. O programa de actividades de animación social e a partida de mocidade para actividades de verán e Nadal tamén sofren importantes recortes", engaden.
https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/ribadeo-amxa/241776/