Besteiro garante unha xestión forestal eficaz nos montes veciñais

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, reuníronse co Padroado da Fundación Arume, dedicado á defensa do piñeiro e a explotación sostible e eficaz dos montes galegos con esta especie.
27 Dec 2023

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, reuníronse co Padroado da Fundación Arume, dedicado á defensa do piñeiro e a explotación sostible e eficaz dos montes galegos con esta especie.

Besteiro comprometeuse a cooperar co sector privado da silvicultura para xerar riqueza e exemplificou o fracaso da xestión dos montes públicos por parte do PP, que nos últimos 30 anos obtivo unha produtividade dez veces inferior a que se obtén nos montes particulares. Os socialistas “apostamos por un cambio. A mala xestión do PP está a producir unha mingua nos ingresos das comunidades de montes xestionadas pola Xunta, duns 65.000 euros anuais ou, o que é o mesmo, perdéronse 650.000 euros por monte na última década”.

Segundo o candidato, “bastaría unha xestión eficaz e sostible no 60 % da superficie para multiplicar a produción. Isto xeraría máis de 120 millóns de euros anuais para os comuneiros e engadiría un punto ao PIB galego unha vez que esta materia prima entrase na cadea da transformación industrial”. A vantaxe estratéxica fronte a outros sectores é que “o forestal ten que estar preto do recurso e non se pode deslocalizar cara outras áreas ou terceiros países”, polo que sempre “garante o desenvolvemento industrial e económico do país e a creación de postos de traballo de calidade”.

Besteiro destacou o compromiso dos socialistas co sector forestal , “un dos piares do desenvolvemento rural de Galicia, xunto a agricultura e a gandaría” e subliñou a importancia do uso produtivo do territorio a través dos pastos, cultivos e terras de labor, porque protexe o monte dos grandes incendios forestais actuando como un cortalume natural. “O noso inimigo común, como sociedade, é o abandono da actividade no agro e no monte, porque redunda nunha transformación estrutural do territorio que fai imposible atallar os lunes”. Uns incendios que “coa emerxencia climática serán cada vez máis frecuentes e intensos”.

Innovación no monte galego

Tamén fixo fincapé na necesidade de investir en formación e innovación no monte galego, pero tamén nos serradoiros “principal fonte de emprego industrial en moitos dos concellos do rural galego” e na cooperación coas grandes empresas “tractoras de moitas empresas auxiliares. Cómpre apoiar o investimento en medios técnicos, axudar na transformación dixital e no acceso a fontes de enerxía renovables para mellorar a súa pegada de carbono e asegurar o relevo xeracional”, afirmou.

Por último, o candidato socialista á Presidencia da Xunta referiuse á necesidade de consolidar os mercados de remuneración do CO2 para os propietarios forestais. “O monte galego absorbe a metade das emisións dos vehículos de España. Se quen contamina paga, quen descontamina debe ser remunerado. E os cartos por captación de carbono suporían unha renda adicional moi importante para comuneiros e propietarios”.

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso resaltou a importancia da explotación forestal para a economía circular, para a loita contra o cambio climático e para combater o despoboamento do rural “unha aposta do Goberno de España que redundaría nunha importante achega de fondos Next Generation para este sector”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16970682144165