Besteiro destacou en Ribadeo o papel protagonista das pemes e autónomos na saída da crise e as iniciativas postas en marcha polo Goberno
O candidato socialista ao Congreso por Lugo, que mantivo unha reunión co Comité de Empresa de Alcoa, xunto ao secretario xeral dos socialistas galegos, o delegado do Goberno e a subdelegada provincial, evidenciou a tripla traizón de Feijóo á Mariña con Alcoa, Vestas e Altri. "A Mariña é a comarca galega máis traizoada pola Xunta”.
O candidato socialista ao Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en valor as políticas levadas a cabo polo Goberno de Pedro Sánchez durante a pandemia e a crise derivada da Guerra en Ucraína, cun importante investimento de recursos públicos co Plan de Recuperación “para non deixar atrás a ningunha peme e autónomo da provincia”.
Gómez Besteiro mantivo este mércores no Hotel Auracaria de Ribadeo un encontro coa Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA), no que tamén participaron o número 1 ao Senado polo PSdeG-PSOE en Lugo, César Mogo, e a número 2 ao Congreso, Patricia Otero; a alcaldesa de Trabada, Mayra García, e a portavoz do PSOE no Concello de Ribadeo, Marta García. O almorzo de traballo serviu para coñecer de primeira man o impacto destas medidas entre os propios protagonistas e para tomar nota das súas demandas e necesidades.
Os socialistas destacaron o papel protagonista das pemes e autónomos na saída da crise e exemplificaron algunhas das iniciativas postas en marcha polo Goberno para apoiar ás empresas como os máis de 670 millóns de euros aboados en Galicia cos ERTE, os 500 millóns en prestacións a autónomos, os 12 millóns para a transformación dixital dos negocios lucenses, as liñas de avais de crédito ou programas de I+D, entre outros.
ALCOA
“Na Mariña, Pedro Sánchez garantiu o futuro para Alcoa e Feijóo pechou Vestas. E así de simple”, dixo José Ramón Gómez Besteiro, na reunión co Comité de Empresa de Alcoa, e evidenciou a tripla traizón de Feijóo e Conde á Mariña con Alcoa, Vestas e Altri. “A Mariña é a comarca galega máis traizoada pola Xunta”.
Besteiro insistiu en que “fronte ao boicot de Feijóo, hoxe continúa a actividade de Alcoa e os postos de traballo grazas ao Goberno de Pedro Sánchez”. Na reunión estivo acompañado polo secretario dos socialistas galegos Valentín González Formoso, o secretario de Emprego do PSdeG e delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez; e outros líderes da candidatura socialista ao Senado e ao Congreso como César Mogo e Patricia Otero. “Os socialistas traballamos sen buscar a foto e de forma eficaz para asegurar o emprego de máis de 500 traballadores e a economía da comarca”. Pola contra, “a Xunta, que ten as competencias en materia de industria, aliñouse cos intereses da empresa durante a primeira fase do conflito e xogou ao escapismo, poñendo en risco o acordo e o futuro de centos de familias ”, censurou o número 1 ao Congreso.
O candidato socialista evidenciou o modelo do PP, que privatizou Alcoa en 1998, e provocou os problemas posteriores. No caso de Vestas, en Viveiro, e aínda que o Parlamento apoiou á Xunta, esta volveu traizoar á Mariña: “Hoxe por culpa de Feijóo os traballadores están na rúa. Con Pedro Sánchez hai futuro para A Mariña, con Feijóo hai pobreza”, afirmou.
Neste senso, apuntou unha terceira deslealdade do PP coa elección de Palas de Rei para a instalación da primeira fábrica de fibras téxtiles de España. O Partido Socialista conseguiu a aprobación no Parlamento por unanimidade da súa proposta para dar prioridade á Mariña. “A Xunta volveu incumprir e deixou tirados, unha vez máis, aos mariñáns. O PP de Feijóo sáelle moi caro á Mariña”.
Durante o encontro, os socialistas agradeceron ao persoal a súa responsabilidade tanto agora como ao longo de todo a negociación para chegar a unha solución definitiva e asegurar os postos de traballo e as capacidades industriais. O acordo asinado en febreiro recolle a recuperación da actividade a finais de 2025, amplía o período de protección laboral dos traballadores da planta de aluminio, garante un tempo no que a electrólise deberá estar operativa e prevé un investimento adicional de 88 millóns na planta.
“Pedro Sánchez tomou as medidas oportunas durante todo o proceso para asegurar o futuro da planta e o emprego tanto dos traballadores como das empresas auxiliares”. Neste senso, engadiu, Alcoa é a empresa que máis fondos recibe en Galicia das axudas do Goberno por emisións de CO2, con 30 millóns de euros; e contará con 5 parques eólicos autorizados polo Ministerio, e pesar do atraso co que a Xunta facilitou a información tras dous prórrogas, cunha potencia de 589 MW.
Fronte a este apoio, “Rueda nin contestou ás tres peticións do comité de empresa de Alcoa e leva máis dun ano como presidente da Xunta”. Un exemplo máis, dixo, da falta de xestión e irresponsabilidade do PP cos mariñáns.
Os socialistas pediron á Xunta que tome exemplo e pase das palabras aos feitos e apoie con investimentos aos traballadores de Alcoa. Destacou que o Goberno aprobou a semana pasada outros 86 millóns de euros en axudas para compensar cargos da factura enerxética a empresas electrointensivas, ás que poderá concorrer Alcoa.