Besteiro desbloquea a tramitación dos parques eólicos que garantirán que Alcoa poida contar cun subministro de enerxía limpa
Tras varios días traballando co Ministerio de Transición Ecolóxica na busca dunha solución que garanta a continuidade da factoría de Alcoa na Mariña, o candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse coa ministra Teresa Ribera. A reunión tiña por obxecto desbloquear a tramitación dos parques eólicos da zona que garantirán que Alcoa San Cibrao poda contar en 2024 cun subministro de enerxía limpa a prezo competitivo que permita continuar coa actividade da factoría, que emprega de maneira directa a máis de 1.100 persoas.
Ao remate da reunión, Besteiro anunciou que o Goberno publicará hoxe, mércores 27, no BOE unha modificación do Real Decreto que regula os dereitos de acceso e conexión á rede das instalacións renovables, o que permitirá autorizar e poñer en funcionamento no primeiro trimestre de 2024 os catro parques eólicos que estaban pendentes para dar servizo á planta de Alcoa en San Cibrao.
“A modificación permitirá dar prioridade aos parques eólicos que teñan declaración de impacto ambiental favorable, aínda que estean fóra do prazo límite previsto. É unha excelente nova para Galicia, xa que que vai garantir a continuidade da planta de Alcoa na Mariña”, afirmou o candidato socialista, quen agradeceu o compromiso do Goberno de España para sacar adiante estes proxectos, mentres que censurou que o goberno de Rueda “non fixera os deberes con tempo” e “non se preocupara de desbloquear esta situación”.
Besteiro considerou que “a desidia e abandono do goberno de Rueda puxo en risco a viabilidade da planta de Alcoa na Mariña” ao entregar os informes sectoriais ao Goberno o día 14 de novembro, último día do prazo límite para emitir as declaracións de impacto ambiental, o que motivou que estas non puideran emitirse en tempo e forma, poñendo en risco a continuidade da factoría.
Está previsto que un total de nove parques eólicos subministren a Alcoa-San Cibrao a enerxía necesaria para producir alúmina e aluminio a un prezo competitivo. Deles cinco xa foron autorizados polo Ministerio de Transición Ecolóxica. No caso doutros catro, o Goberno de España agardou ata o último día do prazo, fixado o 14 de novembro, día no que a Xunta de Galicia remitiu a Madrid os seus informes sectorais, polo que non foi posible completar a tramitación administrativa en prazo.
Con esta modificación lexislativa, o Goberno demostra o seu compromiso co emprego e con Alcoa e permite que os parques eólicos podan continuar a súa tramitación, garantindo o subministro enerxético á planta, pese ao retraso da Xunta de Galicia na tramitación da parte do expediente que lle corresponde.