Besteiro comprometeuse en Foz a que toda A Mariña terá conexión rápida por estrada
O candidato socialista á Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse en Foz a que toda A Mariña terá conexión rápida por estrada cando estea á fronte do Goberno galego. Cumprirá así unha demanda histórica da comarca e de toda a provincia de Lugo, que contribuirá “á cohesión social e territorial, e á reactivación económica e industrial da Costa lucense”.
Besteiro participou esta tarde nun mitin na Casa da Cultura focense, onde ratificou que a Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte, de Ferrol a San Cibrao, será a primeira obra que fará na provincia cando chegue á Xunta. “Acabarei cos quince anos de parón total que impuxo o PP a esta obra estratéxica para a mobilidade e o desenvolvemento da comarca”, asegurou o candidato, quen lembrou que os dous únicos tramos feitos –as variantes de Xove e Ortigueira- “deixounos licitados o Goberno de Touriño”. “A Xunta inclúe partidas nos Orzamentos que son insuficientes e que, por riba, nunca executa”, denunciou.
Xunto ao desbloqueo da VAC, José Ramón Gómez Besteiro garantiu o impulso do Goberno do Estado á Autovía da Mariña (A-74), entre San Cibrao e Barreiros. De feito, confirmou que o primeiro tramo, de Foz a Barreiros, sairá a contratación neste mesmo ano 2024. Esta infraestrutura dará continuidade ao eixo viario da Vía de Alta Capacidade Costa Norte, e cerra o triángulo formado pola Autovía do Cantábrico no tramo galego entre Ribadeo e Baamonde e a autovía AG-64 (Ferrol Vilalba).
O PP privou á Mariña de desenvolver o seu enorme potencial
O desbloqueo das infraestruturas pendentes na Mariña será unha prioridade para Besteiro como Presidente da Xunta, xunto ao rescate da sanidade pública e a reindustrialización da comarca. Tres liñas de actuación fundamentais para o progreso social e económico dos mariñanos e mariñanas que o PP, con Feijóo e Rueda, tivo “abandonados por completo” nestes quince anos de Goberno. Unha inacción que, “ademais de precarizar os servizos públicos e o benestar da xente, privou á Mariña de desenvolver o seu enorme potencial económico”.
O candidato socialista activará nada máis chegar á Xunta un plan de choque para rescatar a sanidade pública, en especial a Atención Primaria, con máis investimento e máis persoal, condicións laborais dignas, e coa garantía de obter cita en menos de 48 horas co médico de cabeceira.
Besteiro daralle solución ao “estado crítico” no que o PP deixa a sanidade pública na Mariña, con falta de médicos e pediatras nos centros de saúde de practicamente todos os concellos. Unha situación especialmente grave en municipios como Viveiro, onde as familias non teñen pediatra dende hai máis dun ano e chega a haber só dous médicos de cabeceira para 16.000 habitantes; en Lourenzá, onde tamén quedaron sen pediatra; no Vicedo, onde hai un médico e só catro horas; en Ourol, onde o médico tamén está a tempo parcial; na Pontenova, onde quedaron sen un facultativo; ou en Foz, onde a Xunta non cubre a redución de xornada do servizo de pediatría, nin as prazas de matrona, enfermería e medicina familiar.
Tamén en Foz, o socialista cumprirá con dúas necesidades que levan reclamando moito tempo os veciños. Reforzará o persoal da ambulancia medicalizada, na que o PP recortou un técnico o ano 2018, e recuperará o servizo 24 horas da ambulancia asistencial, suprimido pola Xunta con Feijóo, as dúas con base na vila focense, aínda que atenden a todos os mariñanos e mariñanas.
O PP, con Feijóo e Rueda, incumpriu as competencias que lle atribúe o Estatuto de Autonomía á Xunta en materia de industria. Unha “ausencia” que deixa un regueiro de empresas referentes pechadas na Mariña -Vestas, Albo, Ecar, Muebles Hermida, IVP, Gres Burela, Ecesa, Conservas Alonso, entre outras- e ducias de postos de traballo destruídos, ademais dunha continua perda de oportunidades inversoras para a comarca.
Rueda “falloulle á Mariña” coa súa “falta de iniciativa e de solucións” ante a situación de Alcoa, mentres que os socialistas, dende o Goberno do Estado e dende o partido en Galicia, “estivemos sempre dando a cara e loitando por que se manteña a actividade industrial e os empregos, e que a empresa cumpra co acordo que firmou cos traballadores”.
Tamén traizoou á Mariña con Altri, lembrou Besteiro, prometéndolle aos mariñanos que a fábrica textil se ía instalar na comarca para logo “deixalos tirados, sen este proxecto e sen ningún outro”.
Fronte á “ausencia” de Rueda en política industrial, José Ramón Gómez Besteiro será un Presidente da Xunta “con ambición de país, con liderado, cun proxecto claro para reindustrializar Galicia e para recuperar a fortaleza empresarial e económica da Mariña aproveitando todo o seu potencial industrial, pesqueiro, enerxético, forestal e turístico”.