Besteiro asegúralle ao comité de empresa de Alcoa a autorización de tres novos parques eólicos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que o Goberno ten previsto aprobar en cuestión de días as mautorizacións para a construción de tres novos parques eólicos que abastecerán de enerxía a planta de Alcoa en San Cibrao. Durante unha reunión co comité de empresa, explicou que, tras a aprobación dos parques Tesouro (50,4 MW) e Santuario (161 MW) a principios de mes, en poucos días terán o visto e prace proxectos que suman 278 MW máis á rede que dará servizo á factoría da Mariña.
Besteiro felicitouse das “boas novas” que este mes de xullo trouxo para Alcoa, coa incorporación de preto de 500 megavatts ao futuro subministro de enerxía eléctrica “limpa e máis barata”. Os tres novos parques son os denominados Barqueiro (126 MW), Moeche (50,4 MW) e Badulaque (102,4 MW).
O tamén portavoz socialista no Parlamento Galego asistiu ao encontro na compaña do senador César Mogo, a deputada Patricia Otero, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o alcalde de Foz, Francisco Cajoto. Besteiro destacou que o Partido Socialista acudiu á xuntanza, tras a petición da representación laboral, a maiores das reunións periódicas da comisión de seguimento do acordo entre traballadores e empresa.
Ademais de mostrar o seu compromiso coa “continuidade e a viabilidade” de Alcoa, defendeu o acordo que asinaron empresa e traballadores “para que se cumpra, e se non é con esta empresa, con outra solvente”. Nese senso, Besteiro insistiu en que a planta debe manterse, pero “sobre todo” o persoal. A aprobación este mes de cinco proxectos que facilitarán un subministro eléctrico axeitado a Alcoa é un novo paso por parte do Estado para “garantir a viabilidade do negocio do aluminio”, asegurou José Ramón Gómez Besteiro.
Con esta xuntanza o comité pretendía que se aprobaran os nudos dos parques que foron licitados con Declaración de Impacto Ambiental positiva, celebrar reunións mensuais comezando en setembro para facer un seguimento dos 4 parques pendentes da poxa e solicitar que Besteiro intermedie con Transición Ecolóxica. O comité de empresa segue pendente da data para unha reunión coa Xunta polo tema do DBR, xa confirmada e pendente da data.