Benquerencia mestura asfalto e area na carreira máis singular do circuíto +kmsBarreiros

AMariñaXa
A proba celebrarase o sábado 9 de agosto con percorridos adaptados e un agasallo especial para todas as persoas participantes na categoría absoluta
benquerencia_terra_mar
6 Aug 2025

Barreiros acollerá este sábado, 9 de agosto, unha das citas máis esperadas do calendario deportivo local: a undécima edición da carreira popular “Benquerencia Terra-Mar”, que se desenvolverá na parroquia de San Pedro de Benquerencia. A proba forma parte do circuíto +kmsBarreiros, impulsado polo Concello, e será a cuarta das seis que o compoñen nesta edición.

No acto de presentación participaron a alcaldesa, Ana Ermida, o concelleiro de Deportes e tamén deputado provincial, Dani García, o responsable do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e representantes da Asociación Deportiva Augas Santas, entidade encargada da organización.

Desde a organización salientan que as inscricións están abertas ata o xoves 7 de agosto e que todas as persoas que compitan na categoría absoluta recibirán un agasallo especial, diferente do habitual, como mostra de agradecemento pola súa participación.

A carreira “Benquerencia Terra-Mar” destaca pola súa ruta de 7 quilómetros, que combina tramos de estrada con percorridos pola praia, facendo dela unha das probas máis atractivas para os amantes do deporte ao aire libre. Para os menores tamén se habilitarán distancias adaptadas segundo as idades.

A información completa sobre a carreira, así como o proceso de inscrición, pode consultarse en: www.maiskmsbarreiros.gal

⚙ Configurar cookies
0.099216938018799