BDS Galiza chama á mobilización diante do Resurrection Fest polo silencio de Bring the Noise

AMariñaXa
O colectivo denuncia que a promotora ignora as súas demandas éticas e anuncia protestas diarias durante o festival en solidariedade co pobo palestino
Viveiro-BDS-Xenocidio-Resurrection-Fest-2025
23 Jun 2025

O colectivo BDS Galiza anunciou a convocatoria dunha campaña de mobilización pública coincidindo coa celebración do Resurrection Fest en Viveiro, despois de que a promotora do evento, Bring the Noise, non dera resposta ás súas peticións de diálogo sobre os mínimos éticos impulsados por organizacións palestinas. A primeira acción será unha rolda de prensa que terá lugar o mércores 25 de xuño, ás 12:00 horas, na entrada do recinto do festival.

Nas últimas semanas, BDS Galiza tentou establecer contacto coa organización do festival por diversas vías co obxectivo de presentar os catro mínimos éticos formulados pola maior coalición palestina, encabezada polo Comité Nacional Palestino de BDS e pola Campaña Palestina para o Boicote Académico e Cultural a Israel (PACBI). Estes requisitos éticos están dirixidos a todos os festivais vinculados ao fondo de investimento KKR, propietario da empresa Superstruct, á que pertence Bring the Noise. Porén, segundo denuncia o colectivo galego, non houbo resposta por parte da promotora a ningún dos correos nin mensaxes enviados.

Ante esta falta de comunicación e tendo en conta a gravidade da situación en Palestina, con acusacións de xenocidio en curso e advertencias do Tribunal Internacional de Xustiza, BDS Galiza considera imprescindible pasar á acción. Por iso, ademais da rolda de prensa, anúnciase unha concentración pacífica diaria ás 20:00 horas durante todos os días do Resurrection Fest, na entrada do recinto, co obxectivo de visibilizar as súas demandas.

Desde o colectivo subliñan que a campaña busca esixir que o festival deixe de contribuír, mesmo de forma involuntaria, á maquinaria de guerra israelí e ás violacións do dereito internacional a través da súa relación indirecta cos investimentos de KKR. “Non podemos mirar para outro lado mentres o festival ignora deliberadamente as chamadas á ética e á responsabilidade”, afirman.

BDS Galiza fai un chamamento á sociedade galega e ás persoas asistentes ao Resurrection Fest a sumarse ás mobilizacións e a esixir unha cultura libre de complicidade con crimes de guerra. Así mesmo, convidan aos medios de comunicación a asistir á comparecencia do mércores, día da apertura oficial do evento.

⚙ Configurar cookies
0.16701889038086