Barreiros volverá acoller no verán o campus do Celta de Vigo para nenos e nenas

AMariñaXa
A actividade, organizada pola Fundación do club vigués en colaboración co Concello e os clubs locais, chega á súa quinta edición e celebrarase do 28 de xullo ao 1 de agosto
Barreiros-campus-celta-2025
25 May 2025

Un verán máis, o deporte e a formación volverán darse a man en Barreiros coa celebración dunha nova edición do campus do Celta de Vigo, que terá lugar entre o 28 de xullo e o 1 de agosto. Será xa o quinto ano consecutivo que este programa da Fundación Celta se desenvolve no municipio, ofrecendo unha proposta de lecer activo para nenas e nenos a partir do traballo técnico e educativo co seu equipo de monitores.

O campus conta unha vez máis co apoio do Concello de Barreiros, que asumirá parte do custo da matrícula das crianzas empadroadas, e coa colaboración imprescindible dos clubs locais Celta Barreiros e Iberia C.F., que poñen a disposición da organización as súas instalacións deportivas.

Desde a organización destacan que a actividade está pensada para que os máis pequenos desfruten do fútbol nun ambiente formativo e divertido, aprendendo tanto aspectos técnicos coma valores como o compañeirismo, o respecto ou o traballo en equipo.

As inscricións xa están abertas e poden formalizarse a través da web oficial do club vigués: rccelta.es. A recomendación é reservar praza canto antes, xa que se espera unha alta participación, como en anos anteriores.

⚙ Configurar cookies
0.162034034729