Barreiros vén de instalar 30 novos colectores amarelos
O Concello de Barreiros vén de instalar 30 novos colectores amarelos para o depósito de envases lixeiros ao longo de todo o núcleo municipal.
Segundo explica o edil de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, con estes novos colectores preténdese facilitar a reciclaxe de residuos ás persoas con independencia de o de residan” e asegura que se “realizou un reforzo especial nas parroquias do rural para tratar de achegar a rede de reciclaxe á totalidade da poboación.”
Nos vindeiros días, a empresa encargada da recollida selectiva porá en marcha novas rutas para dar entrada aos puntos novos de reciclaxe polo que desde o Concello trasladan que “é posible que nos primeiros días poidan existir desfases na recollida que se irán solventando a medida que se adapten as rutas ao uso e ás necesidades de cada punto.”
Con esta ampliación, que inclúe a colocación de colectores amarelos en lugares como A Insua, A Rilleira, Morteiro, Val do Caínzo ou Ibia, preténdese dotar do servizo de recollida selectiva á maioría de lugares de poboación, especialmente nas parroquias do interior que carecían en moitos casos de colectores deste tipo, ao mesmo tempo que se reforzan nas parroquias costeiras.
“A pretensión é dar cobertura da recollida de residuos selectiva á maioría do concello, por iso creamos novos puntos que permitan mellorar a reciclaxe de residuos”, explica Ratoeira. O edil lembra tamén que “aínda que comumente se denomina o colector amarelo como “dos plásticos”, non calquera tipo de plástico vai ao amarelo; senón que debe usarse para depositar exclusivamente envases lixeiros de uso doméstico coma latas, bricks ou botellas de plásticos, pero nunca plásticos industriais coma os dos silos -para os que existe un servizo específico no punto limpo- ou outro tipo de obxectos coma xoguetes.”
Esta ampliación da rede de colectores amarelos súmase á colocación de novos colectores de reciclaxe de papel e cartón que se foron colocando en distintos puntos e renovando algúns dos existentes; así como a un novo colector de roupa usada colocado en San Miguel.
A finalidade da ampliación de puntos de reciclaxe responde á intencionalidade de ir reducindo a xeración de residuos e enmárcase dentro das campañas de concienciación ambiental que se están a realizar desde o consistorio.