Barreiros será saída e meta da terceira etapa da Volta Ciclista a Galicia 2025

GaliciaXa | AMariñaXa
A proba, de 147 quilómetros, celebrarase o 13 de setembro e atravesará concellos da Mariña e da Montaña lucense
BARREIROS-Cartel-volta-a-galicia-2025
21 Aug 2025

O Concello de Barreiros acollerá o sábado 13 de setembro a terceira etapa da 23ª edición da Volta Ciclista a Galicia, unha das competicións máis destacadas do calendario estatal para corredores das categorías Élite e Sub-23. A cita está organizada pola Federación Galega de Ciclismo e contará coa colaboración da Deputación de Lugo.

A etapa terá un percorrido de 147 quilómetros. Os ciclistas partirán ás 12:30 horas da Casa do Concello de Barreiros e, tras rodar por diferentes municipios da contorna, regresarán ao mesmo punto cara ás 16:00 horas, onde se prevé a chegada. O trazado inclúe un percorrido esixente que levará ao pelotón por Ribadeo, A Pontenova, Riotorto e Trabada, antes de retornar a Barreiros. No camiño, deberán superar tres portos de segunda categoría e un de terceira.

A alcaldesa, Ana Ermida, salientou a relevancia deste evento deportivo para o municipio: “É unha honra que Barreiros sexa escenario dunha etapa da Volta a Galicia. Este tipo de citas non só nos sitúan no mapa deportivo, senón que tamén contribúen a dinamizar o concello, poñendo en valor a nosa contorna e o noso potencial como destino turístico e deportivo”.

Desde o goberno local incídese en que a preparación desta etapa estase a desenvolver en coordinación coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e coa Federación Galega de Ciclismo, co obxectivo de garantir o éxito da proba e demostrar que Barreiros pode acoller competicións de máximo nivel.

A Volta Ciclista a Galicia 2025 reunirá a algúns dos mellores equipos e ciclistas do panorama nacional, consolidándose como unha plataforma de proxección para as novas promesas do deporte das dúas rodas.

⚙ Configurar cookies
0.17657208442688