Barreiros revive a tradición coa Romaría de Santo Estevo do Ermo

O espírito das romarías populares volverá acenderse este sábado, 5 de xullo, no concello de Barreiros coa celebración da Romaría de Santo Estevo do Ermo, unha cita organizada pola asociación Camiñantes e Camiños e o Celta Barreiros, coa colaboración do colectivo Barreiros Mar e Monte.
A xornada festiva terá lugar nun dos recunchos máis emblemáticos do municipio, o paraxe natural de Santo Estevo, e mesturará natureza, gastronomía, tradición relixiosa e actividades para todos os públicos.
O presidente da entidade organizadora, José Manuel Gómez Puente, destacou que “esta é unha tradición moi arraigada en Barreiros, que segue viva grazas ao compromiso dos veciños e veciñas”. Explicou que o programa foi pensado para todos os públicos e que “se trata de pasar un sábado cheo de actividades, amizade e boa convivencia”.
O día comezará ás 10:00 da mañá cunha ruta de sendeirismo polos arredores do santuario. Ás 13:00 horas celebrarase a tradicional misa cantada, seguida da procesión en honra ao santo. A continuación, ás 13:30 horas, haberá degustación gratuíta de torresmos, e ás 14:00 dará comezo unha churrascada popular que desembocará no xantar comunitario, previsto para as 15:00 horas. A tarde completarase con xogos de mesa, a partir das 17:00.
Gómez Puente animou tanto á veciñanza coma ás persoas que visitan Barreiros nestas datas a sumarse á romaría. “Quero convidar a todo o mundo a que se achegue a este lugar máxico que é Santo Estevo do Ermo e participe nun día de harmonía, paz, amizade e tranquilidade, que son os sentimentos que transmite esta contorna tan especial”, afirmou.
A organización confía en repetir o éxito de anos anteriores e reivindicar a importancia de manter vivas as celebracións que forman parte da identidade e do patrimonio cultural da zona.