Barreiros repetirá o domingo 11 a ruta xeolóxica polo litoral
No Concello de Barreiros atópanse encantados co elevado interese que espertou esta actividade xeolóxica na que se visitarán lugares onde se aprecian rochas subvolcánicas, pregues tumbados e se falará de acontecementos xeolóxicos que sucederon hai centos de millóns de anos. Tamén haberá tempo para achegarse aos restos de primitivos arrecifes para, finalmente, rematar na praia de Arealonga na cal se atopan vestixios dunha antiga fraga. Estará guiada polo xeólogo Francisco Canosa.
Resaltan a importancia de ver as praias como un espazo natural cunha interesante historia xeolóxica, sen esquecer que tamén dispón dunha ampla biodiversidade a ter en conta á hora da súa visita e desfrute.
O día 30 de marzo abriuse o prazo para a inscrición nesta actividade e antes das 10.00h da mañá xa estaban cubertas as prazas comezando a ter lista de agarda, a cal ao longo destes días se foi incrementando. Así, ante esta circunstancia, decidiron organizar outra ruta co mesmo percorrido para o domingo 11 de abril, co fin de darlles a posibilidade ás persoas que forman parte da devandita lista de agarda de coñecer este interesante tramo do noso litoral dende a perspectiva xeolóxica.
Dende o Concello agradecen a resposta da cidadanía e xa se puxeron en contacto cos interesados/as. Así, as prazas de ámbalas dúas rutas están completas e segue a haber lista de agarda. En caso de cancelacións contactarase, por orde de inscrición, coas persoas que non obtiveron praza en ningunha das dúas. Recordamos que o límite de participantes está marcado pola normativa de prevención da Covid-19. Puntualizar que a realización da xeoruta e/ou o número final de participantes quedan supeditados tanto ás posibles modificacións normativas que se puideran producir como á idoneidade da meteoroloxía durante esa xornada.