Barreiros renovará integramente o seu alumeado público con tecnoloxía LED

O Concello de Barreiros acometerá a renovación integral do seu alumeado público cun proxecto que inclúe a substitución das luminarias actuais por tecnoloxía LED, a adecuación dos cadros de mando e cableados, a instalación dun sistema de telexestión e regulación do fluxo lumínico, así como a implantación de medidas para reducir a contaminación lumínica.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que o proxecto é “moi ambicioso” e afectará á totalidade da rede de alumeado público, cun total de máis de 1.650 puntos de luz e arredor de 70 centros de mando. Ermida destacou que a súa intención é realizar unha actuación integral que garanta o cumprimento das normativas actuais sobre iluminación e que, ademais, permitirá un aforro de enerxía que poderá chegar até o 85 %.
Para financiar esta reforma, o Concello de Barreiros solicitou un préstamo sen intereses a 10 anos ao programa de axudas para a renovación das instalacións de alumeado exterior municipal do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética. O proxecto, que ten un orzamento de 2.048.125€, non afectará á estabilidade económica municipal, ao estar saneada grazas ao bo traballo de xestión nos últimos anos. A alcaldesa subliñou que “os resultados da boa xestión económica agora permiten afrontar investimentos fundamentais para o Concello, o que fai anos era impensable”, facendo unha comparación entre aqueles que acudiron ao crédito para tapar buratos dunha mala xestión e quen agora pode investir en proxectos estratéxicos.