Barreiros remite a once promotores de edificios inacabados un requerimento para que actúen nun prazo de catro meses

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Barreiros, na facultade que lle confire a Lei do Solo, remitiu xa aos propietarios e promotores dos edificios inacabados os requerimentos para esixir que nun prazo de catro meses actúen nestas estruturas, ben para acabalas ou ben para que procedan a súa demolición.
25 Abr 2019

O Concello de Barreiros, na facultade que lle confire a Lei do Solo, remitiu xa aos propietarios e promotores dos edificios inacabados os requerimentos para esixir que nun prazo de catro meses actúen nestas estruturas, ben para acabalas ou ben para que procedan a súa demolición.

En total, advertiuse ós titulares de 11 promocións -cinco das cales son xa titularidade de bancos e entidades financeiras-, con edificacións en esqueleto en San Cosme, Moás, Remior, San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante.

O goberno local que encabeza o alcalde Alfonso Fuente da un paso máis na loita contra o feísmo que dana o municipio, froito da crise inmobiliaria e da situación de impás urbanístico que provocou a actuación do goberno bipartito da Xunta de Galicia e que resolveu en favor do Concello en recente sentenza xudicial.

Ademais, Fuente Parga incide na situación de risco para a seguridade das persoas e na insalubridade destas infraestruturas e no seu abandono, polo que lembra aos propietarios a súa obriga de  manter os bens inmobles en condicións óptimas de coidado e ornato público.

O alcalde facultou tamén aos técnicos municipais para que recaben información sobre outras posibles construcións que se atopen en similar situación para realizar, con posterioridade se é necesario, unha nova fase de requerimentos. Iniciase o procedemento con aquelas edificacións que polo seu volume e tamaño máis alteran a paisaxe e provocan un maior impacto estético e no ornato público.

O rexedor manterase firme na folla de ruta marcada polo seu goberno para a  recuperación da imaxe de Barreiros, que quedou fortemente danada por un “inxusto proceso derivado dunha mala actuación no seu día do Goberno bipartito da Xunta só por cuestións políticas, como quedou demostrado no xuízo”.

Alfonso Fuente lembra os prexuízos causados no concello “tanto desde o punto de vista paisaxístico, pero tamén na súa potente marca turística xa que é un dos municipios de maior beleza natural da Mariña lucense. Temos que devolverlle o seu esplendor”, asevera. 

Sostén, unha vez máis, que ata agora “non puidemos facer nada durante todos estes anos para non entorpecer o proceso xudicial aberto, á espera do resultado absolutorio, que é o que foi finalmente, proceso que finalizou ademais sen afectar a anulación das licencias deste edificios”, sostivo .

A intención do Concello é que nun ano non quede rastro dos esqueletos destes edificios inacabados que afean un municipio que é un dos referentes turísticos do norte de Galicia. O goberno local avanza que seguirá a traballar para que o turismo de xeito controlado sexa unha fonte de dinamización económica do municipio e, polo tanto, de toda a zona, potenciando a súa desestacionalización.

0.18980503082275