Barreiros rehabilita as Escolas de Vilamartín Pequeno cun investimento que modernizará o edificio social da parroquia

AMariñaXa
O Concello achegará máis de 16.000 euros a un proxecto moi demandado pola veciñanza, que contará cun baño adaptado e unha sala multiúsos
concello-barreiros
3 Jun 2025

O Concello de Barreiros vén de dar un paso importante na recuperación do patrimonio público rural ao obter unha subvención de 39.165,15 euros para a rehabilitación interior das Escolas de Vilamartín Pequeno. A actuación, cun orzamento total de 55.950,23 euros, será completada cunha achega municipal de 16.785,08 euros.

A alcaldesa, Ana Ermida, xunto co seu equipo de goberno, reuniuse esta semana con representantes da Asociación de Veciños para informarlles do proxecto e dos prazos previstos. A rexedora amosou a súa satisfacción ao dar resposta a unha demanda histórica da parroquia, lembrando que se trata “do único inmoble da zona que se estaba a empregar sen reformar desde a súa construción nos anos 60”.

O edificio acolle numerosas actividades tanto da asociación veciñal como do propio Concello, incluíndo actos culturais, visitas dos Reis Magos, espectáculos e reunións municipais. Por iso, subliña Ermida, “é imprescindible adaptar o espazo ás necesidades actuais, facéndoo accesible, funcional e acolledor para todos os públicos”.

As obras contemplan a creación dun novo acceso con espazo de almacenamento, a instalación dun baño adaptado e a adecuación dunha sala multiusos. A execución deberá estar finalizada antes de outubro. Ademais, xa existe un proxecto valorado en máis de 34.000 euros para a mellora exterior do inmoble, aínda pendente de financiamento tras a negativa dunha axuda solicitada á Xunta de Galicia.

A alcaldesa agradeceu a implicación da veciñanza e o traballo da asociación, destacando “o seu compromiso coa dinamización da parroquia” e lembrando que a posta en valor de espazos comúns é unha das prioridades do seu mandato.

⚙ Configurar cookies
0.35353398323059