Barreiros regula o uso de terrazas hostaleiras cunha nova ordenanza que prohibe a música e os espectáculos

O Concello de Barreiros vén de aprobar unha ordenanza municipal coa que se establece por primeira vez unha normativa específica para o uso e funcionamento das terrazas de hostalería. Ata o de agora, non existía un marco regulador claro, polo que este novo documento pretende poñer orde, garantir a convivencia veciñal e preservar o bo estado dos espazos públicos.
Unha das principais novidades do regulamento é a prohibición expresa de reproducir música por calquera medio nas terrazas, mesmo se o establecemento matriz conta coa correspondente autorización. Tampouco se poderán realizar actuacións musicais ou espectáculos nas zonas exteriores. A ordenanza contempla, iso si, a posibilidade de autorizar excepcións puntuais por motivos xustificados e sempre mediante solicitude previa ao Concello.
En materia de ruído, recóllese que o propio Concello poderá realizar medicións dos niveis sonoros e iniciar un expediente sancionador en caso de incumprimento, o que podería chegar mesmo ao peche da terraza.
A normativa tamén fai fincapé na limpeza e conservación da área ocupada. Os responsables das terrazas deberán garantir o mantemento continuo da zona e retirar todo o mobiliario ao remate da xornada. O horario autorizado irá de luns a xoves entre as 9:00 e as 02:00 horas, e de venres a domingo ata as 02:30.