Barreiros reforza Protección Civil e socorrismo co Plan Deputación 2026

Barreiros continúa a investir na seguridade e nos servizos de emerxencia co obxectivo de mellorar tanto a eficacia dos equipos de Protección Civil como a prestación do socorrismo nas praias do municipio. A Xunta de Goberno aprobou recentemente os investimentos que o Concello incluirá no Plan Deputación 2026, destinando máis de 12.000 euros a reforzar estes servizos clave.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “trátase dun investimento destinado a facilitar as funcións das persoas voluntarias de Protección Civil e a mellorar o servizo de socorrismo durante a tempada estival”. Ermida destacou que esta medida forma parte dunha aposta continuada pola modernización do equipamento e o funcionamento destes servizos nos últimos anos.
Entre as novas dotacións, o Concello adquirirá cadeiras de altura para a vixilancia nas praias, recuperando material que se deixou de usar polo seu deterioro, e unha cadeira anfibia moderna, de manexo máis sinxelo, que permitirá facilitar o acceso á auga ás persoas con mobilidade reducida. Ademais, completarase o material de socorrismo con novas padiolas de asistencia, sumándose ás xa dispoñibles para garantir unha cobertura completa nas praias con este servizo.
O Plan Deputación tamén permitirá mellorar o equipamento da Agrupación de Protección Civil. Entre outras dotacións, Barreiros contará cunha carpa móbil de 4x4 para actuacións de emerxencia ou de seguridade, que poderá utilizarse como punto de encontro nos operativos, cun montaxe rápido e unha maior visibilidade.
Ermida subliñou a relevancia destes investimentos para o municipio e a labor do voluntariado: “Protección Civil permítenos organizar eventos e operativos que de non existir ese voluntariado non poderiamos acoller. A súa labor silenciosa e discreta facilita a vida das veciñas e veciños, entregando parte do seu tempo libre en beneficio da comunidade”, destacou a rexedora.
Con estas medidas, o Concello de Barreiros pretende consolidar uns servizos de emerxencia máis efectivos, garantir a seguridade nas praias e continuar apoiando o compromiso das persoas voluntarias que cada verán fan posible o correcto funcionamento do socorrismo e da Protección Civil.