Barreiros reforza os seus medios de emerxencia cun novo remolque para Protección Civil

AMariñaXa
O equipamento mellorará a capacidade de resposta ante situacións de risco e facilitará o labor do voluntariado
barreiros-remolque-proteccion-civil-2025
16 Mar 2025

O Concello de Barreiros vén de reforzar os seus medios para a atención de emerxencias coa incorporación dun novo remolque equipado con material básico para intervencións. O vehículo conta con bombas para augas residuais, xeradores eléctricos, desbrozadores, torres de iluminación e elementos de sinalización, entre outros recursos esenciais.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e os representantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio, Agustín Rodríguez e Nita Rodríguez, participaron este sábado no acto de entrega deste equipamento destinado a Concellos con agrupacións de Protección Civil.

Ana Ermida explicou que a solicitude deste remolque "busca complementar o material dispoñible para actuacións en casos de emerxencia, facilitando así a labor das persoas que colaboran de xeito voluntario na agrupación". A rexedora quixo agradecer o traballo destes voluntarios e voluntarias, destacando que "co seu esforzo fan posible a atención ás emerxencias no noso concello e tamén garanten o desenvolvemento seguro de moitos eventos en Barreiros, que sen a súa participación serían inviables".

A alcaldesa puxo en valor a importancia de contar cun servizo deste tipo nun concello pequeno e rural coma Barreiros, subliñando que os membros de Protección Civil "coñecen o territorio e, en moitas ocasións, son os primeiros en chegar ante unha chamada de emerxencia". Ademais, lembrou a súa colaboración con outros servizos de seguridade, contribuíndo a unha mellor coordinación nas actuacións.

Con esta nova dotación, Barreiros segue apostando polo reforzo da seguridade e a prevención, garantindo unha resposta máis eficaz ante posibles incidencias no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.12939810752869