Barreiros reforza o seu servizo de socorrismo con trinta profesionais e formación especializada

O Concello de Barreiros vén de completar o seu equipo de salvamento e socorrismo coa incorporación de seis auxiliares, que se suman aos 22 socorristas e dúas técnicas sanitarias contratadas desde mediados de xuño. Deste xeito, conformouse un cadro de 30 persoas, aínda que desde o propio consistorio recoñecen que esta cifra non é suficiente para cubrir a totalidade dos areais do municipio con servizo completo.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que o persoal leva semanas preparándose para a tempada de verán, “co obxectivo de organizar o servizo e mellorar a súa preparación técnica”. Dentro deste plan, o Concello organizou dúas accións formativas centradas tanto na seguridade como na eficiencia das intervencións.
Unha delas foi un curso de tres xornadas sobre o uso de motos acuáticas e técnicas de rescate con este tipo de vehículo, no que participaron as dez persoas que dispoñen de licenza de navegación. A outra formación, de carácter máis xeral, centrouse na actualización de coñecementos en primeiros auxilios e atención en emerxencias, dirixida ao conxunto do persoal.
Ambas actividades incluíron sesións prácticas, que permitiron ao equipo resolver dúbidas e afondar na aplicación real dos contidos aprendidos.
A rexedora quixo destacar o compromiso do cadro de persoal coa calidade do servizo: “A participación en todas estas formacións amosa a implicación e a responsabilidade coa que exercen o seu labor”, sinalou Ermida. “Desde o Concello facemos un esforzo importante para dotar o servizo de recursos e coñecementos, e é unha satisfacción ver como o persoal responde con entrega e profesionalidade.”
Segundo subliñou a alcaldesa, estes avances forman parte da aposta municipal por un modelo baseado en seriedade, dedicación e mellora continua, que, ao seu xuízo, definen na actualidade o servizo de salvamento e socorrismo de Barreiros.