Barreiros reforza o servizo de préstamo de material sociosanitario para a atención no fogar

O Concello de Barreiros vén de ampliar o seu servizo de préstamo de material sociosanitario coa incorporación de novo equipamento destinado a facilitar a atención de persoas nos seus domicilios. Trátase dunha iniciativa pensada para dar resposta ás necesidades temporais da veciñanza que require este tipo de recursos, evitando ás familias un importante desembolso económico.
A alcaldesa, Ana Ermida, e a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, desprazáronse recentemente para comprobar a recepción do material, adquirido ao abeiro dun convenio de colaboración asinado coa Deputación Provincial. Este acordo permitiu reforzar un servizo que, segundo destacou o goberno local, resulta fundamental para garantir unha atención digna e de calidade no ámbito doméstico.
A responsable de Servizos Sociais lembrou que esta é a segunda remesa de material adquirida con apoio da Deputación, tras un primeiro investimento realizado no ano 2020, que ascendeu a 20.000 euros. Naquela ocasión incorporáronse recursos como camas articuladas, cadeiras de aseo, lavacabezas ou andadores, sentando as bases dun servizo que foi medrando co paso do tempo.
Pola súa banda, a alcaldesa subliñou a relevancia de contar cun sistema de préstamo municipal que pon ao alcance da veciñanza material de alto custo e de uso puntual. “Moitas veces son elementos necesarios durante un período concreto e difíciles de asumir polas familias. Con este servizo facilitamos que as persoas poidan ser atendidas no seu propio fogar nas mellores condicións posibles”, indicou.
Grazas aos investimentos realizados nos últimos anos, o Concello de Barreiros dispón na actualidade de material moderno, funcional e de manexo sinxelo, que pode solicitarse a través do departamento municipal de Servizos Sociais, cun procedemento áxil e accesible. O equipamento dispoñible inclúe un total de once camas articuladas cos seus correspondentes colchóns, seis colchóns antiescaras, once cadeiras de aseo adaptadas a distintos espazos, catro asideiros para o baño, dúas grúas, dous andadores, catro lavacabezas e diverso material complementario para o Servizo de Axuda no Fogar, como termómetros e tensiómetros.
Tanto a rexedora como a concelleira reiteraron o compromiso do Concello de Barreiros cos servizos sociais e a atención ás persoas, asegurando que estas políticas sitúan á veciñanza no centro das decisións municipais e contribúen a mellorar a calidade de vida no municipio.