Barreiros recupera a tradicional comida da terceira idade como homenaxe á veciñanza maior

AMariñaXa
O Concello organiza o 27 de novembro un xantar con música e festa despois de seis anos sen celebrarse, cun prezo simbólico para contribuír aos custes do evento
Barreiros-encontro-terceira-idade-2025
6 Nov 2025

O Concello de Barreiros recuperará este mes unha das citas máis queridas pola súa veciñanza: a tradicional comida da terceira idade, un encontro que non se celebraba desde hai seis anos e que regresa con espírito de agradecemento e recoñecemento ás persoas maiores do municipio.

A alcaldesa explicou que “despois de seis anos de goberno nos que traballamos intensamente para sacar a flote a economía municipal, neste 2025 os números comezan a acompañarnos, e cremos que é de xustiza celebrar un encontro que leva moito tempo sen facerse e que debe servir para recoñecer o traballo e o esforzo da nosa veciñanza máis maior”.

A xornada festiva terá lugar o xoves 27 de novembro e incluirá un xantar, actuacións musicais e moitos momentos para compartir anécdotas e vivencias. O Concello destaca que esta cita pretende ser unha homenaxe colectiva ás persoas que teñen contribuído co seu traballo e dedicación ao desenvolvemento de Barreiros.

Aínda que a situación económica municipal mellorou, o goberno local quere manter o equilibrio orzamentario, polo que se estableceu un prezo simbólico para participar: 15 euros para as persoas xubiladas empadroadas e 35 euros para acompañantes non empadroados e/ou non xubilados.

As tarxetas poderán retirarse nas oficinas xerais municipais, logo de realizar o ingreso correspondente na conta do Concello de Barreiros na Caixa Rural. O prazo para facelo remata o venres 21 de novembro ás 14.00 horas.

O Concello enviará tamén unha carta informativa ás persoas maiores de 67 anos, destinatarias principais do encontro, con todos os detalles sobre a celebración. “Queremos que este día sexa especial, unha oportunidade para xuntarse, rir, cantar e compartir recordos coa xente de sempre”, apuntan desde o goberno local.

A organización anima a toda a veciñanza a reservar a data e non perder a ocasión de reencontrarse con amizades e coñecidos, nunha xornada pensada para celebrar a vida, a experiencia e o espírito comunitario que define ao pobo de Barreiros.

⚙ Configurar cookies
0.071010112762451