Barreiros reclamará á Xunta un acordo enerxético similar ao de Muras

AMariñaXa
A alcaldesa Ana Ermida pedirá compensacións directas para a veciñanza polo parque “Recursos de Galicia”
parque-eolico
16 Feb 2026

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, anunciou que no encontro previsto para este venres coa empresa promotora do parque “Recursos de Galicia” defenderá que o municipio acceda a compensacións equiparables ás acadadas en Muras coa compañía Iberdrola.

A rexedora realizou estas declaracións tras coñecer, a través dos medios de comunicación, o anuncio da Xunta de Galicia sobre a convocatoria da reunión coa empresa titular da instalación.

Ermida avanzou que solicitará unha dotación económica suficiente para crear unha liña municipal de axudas que permita aliviar a factura eléctrica de todas as persoas empadronadas en Barreiros. Ademais, proporá que, como mínimo, o 2,5 % da produción do parque se destine a financiar iniciativas sociais e proxectos de interese colectivo no concello.

A alcaldesa subliñou que o acordo alcanzado en Muras constitúe “un exemplo do que debería significar a explotación responsable dos recursos galegos”. Ao seu xuízo, se aquel pacto foi posible entre unha administración local e unha empresa privada, con maior motivo debería acadarse un entendemento cando a sociedade promotora conta con participación de capital público autonómico.

Para o goberno local, trátase de garantir que o aproveitamento dos recursos naturais reverta no conxunto da cidadanía e non só nunha parte da poboación. “Os custos e impactos son asumidos pola colectividade, polo que os beneficios tamén deben distribuírse de maneira xusta”, defendeu Ermida, quen advertiu de que aplicar criterios diferenciados en función da proximidade ás instalacións suporía fomentar desigualdades e unha visión individualista afastada do interese común.

⚙ Configurar cookies
0.07785701751709