Barreiros recibe 2 millóns de euros para renovar toda a iluminación pública

O Concello de Barreiros vén de recibir unha importante inxección económica do Goberno central para avanzar na súa aposta pola eficiencia enerxética. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou hoxe a concesión de 2 millóns de euros ao municipio mariñán para acometer a renovación integral do seu sistema de iluminación pública.
Este investimento forma parte dun paquete de axudas de 9,5 millóns de euros que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), adxudicou a seis concellos galegos. No caso de Barreiros, a achega permitirá a substitución das luminarias actuais por tecnoloxía LED, cun aforro enerxético estimado de máis do 70%.
Segundo destacou Pedro Blanco, estas actuacións son claves para os concellos de menor tamaño, xa que “a factura eléctrica é un dos capítulos máis pesados no gasto municipal e, con estas melloras, conseguimos aliviar esa carga económica ao tempo que se aposta por un modelo máis sostible”.
O proxecto non só suporá unha redución substancial do consumo eléctrico, senón tamén unha rebaixa significativa na factura anual e unha diminución da contaminación lumínica. Ademais, o novo sistema contará con telexestión, o que permitirá un control en tempo real do consumo, o funcionamento e a programación, podendo introducir axustes en función das necesidades da veciñanza.
As axudas están enmarcadas no Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética (FNEE), que cobre o 100% dos expedientes a través de préstamos reembolsables sen xuros nin garantías e cun prazo de amortización de arredor de sete anos. Con esta segunda convocatoria, xa son 15 os concellos galegos beneficiados, cun total de 18 millóns de euros mobilizados.
O delegado do Goberno incidiu en que este tipo de investimentos permiten avanzar cara á transición enerxética a nivel local e reforzan o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez coas enerxías limpas e o aforro enerxético.