Barreiros recepcionará nas vindeiras semanas as obras do sistema de abastecemento de auga do municipio

AMariñaXa
Dende o goberno local sinalan que con estes traballos incrementarase de forma notable a calidade do servizo.
saneamento-barreiros
9 Apr 2026

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, acompañada pola concelleira delegada de Saúde Pública, Montse Porteiro, e polo concelleiro e deputado provincial, Dani García, visitou nestes días parte das obras realizadas no sistema de abastecemento de auga do municipio. Durante a visita estiveron acompañados por persoal técnico da área e por representantes da empresa pública Tragsa, encargada da execución dos traballos.

A actuación enmárcase nun convenio asinado entre o Concello de Barreiros e a área de rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e incluíu a renovación de tubaxes de fibrocemento en distintos puntos do municipio, a impermeabilización do depósito de Merille, a substitución das bombas de impulsión da Folgueirosa e a renovación das chaves xerais nas vivendas sociais.

Segundo informou o Concello, o investimento achegouse ao medio millón de euros e está previsto que as obras sexan recepcionadas na súa totalidade nas vindeiras semanas. Con esta actuación, o goberno local sinala que se incrementará de forma notable a calidade do servizo de abastecemento no municipio.

0.11761403083801