Barreiros proxecta a película “Prefiro Condenarme” dentro das accións contra a violencia machista

O Concello de Barreiros continúa coa súa programación de actividades enmarcadas na loita contra a violencia machista. Este domingo, 16 de novembro, proxectará no Centro Sociocultural de San Cosme a película “Prefiro Condenarme”, da recoñecida cineasta galega Margarita Ledo Andión, unha proposta que forma parte do VIII Ciclo de Cine e Mulleres Rurais organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
A proxección, que comezará ás 18:00 horas, insírese nun programa estatal que recolle quince obras audiovisuais —entre longametraxes e curtametraxes— centradas na vida e nas loitas das mulleres rurais desde distintas perspectivas.
O filme, estreado o pasado ano nas datas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é un documental dramatizado que relata a historia real de Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol, que se interpreta a si mesma. A protagonista foi sometida durante a ditadura franquista a un xuízo por adulterio e padeceu unha prolongada situación de violencia por parte do seu marido, que a directora recupera para reivindicar a dignidade e a forza das mulleres galegas.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, destacou que “con esta proxección queremos aportar o noso gran de area á visibilización da loita das mulleres galegas de clase traballadora pola liberdade e pola igualdade, e ao mesmo tempo expresar o noso rexeitamento absoluto ante todas as formas de violencia machista que o patriarcado segue a exercer”.
As accións promovidas pola área de Igualdade inclúen tamén a creación dun punto lila na Biblioteca Municipal de Barreiros, inaugurado o 24 de outubro coincidindo co Día Internacional das Bibliotecas. Este espazo conta con libros sobre feminismo e loita contra as violencias machistas, adquiridos con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de fomentar a reflexión e o cambio social a través da lectura.
No mesmo mes abriu as súas portas no Centro Social de San Xusto a exposición “Mulleres por Mulleres”, que xa formara parte da programación do 25N o ano pasado. Durante o acto de apertura entregouse ademais un lote de libros de temática feminista á biblioteca rural da parroquia.
A programación municipal culminará o martes 25 de novembro, cando ás 12:00 horas se realizará na Praza do Concello a lectura da declaración institucional contra a violencia machista. “Será un acto simbólico pero necesario —explican desde o goberno local— para lembrar que estamos en contra de quen maltrata e tamén de quen nega ou minimiza a violencia”. Como cada ano desde 2019, do balcón da Casa Consistorial pendurará a faixa da campaña “En Negro Contra as Violencias”.