Barreiros protagoniza unha nova entrega de libros da MAVI para previr a violencia machista
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, subliñou en Barreiros a necesidade de concienciar e formar á mocidade e á infancia para previr e detectar todas as formas de violencia machista. Así o afirmou nunha nova entrega de libros da MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, para a biblioteca municipal.
A subdelegada celebrou a boa acollida que ten o programa na provincia, destacando a pegada que pode deixar este recurso “empregado para remover conciencias e cambiar hábitos machistas aínda presentes nunha sociedade que a día de hoxe segue marcada polas conductas sexistas e patriarcais”.
A subdelegada presentou xunto á alcaldesa do Concello, Ana Ermida, as concelleiras Carmen Veiga e Montse Porteiro, e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, a posta a disposición dos libros da MAVI para as persoas usuarias da biblioteca, agradecendo á rexedora a receptividade e a aposta compartida de ambas administracións para loitar contra esta violencia estrutural.
“Contamos cos concellos para traballar nesta cuestión de estado creando conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos, e que ademais é un asunto que segue á orde do día e que continúa a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país”, manifestou a subdelegada.
Así, Rodríguez lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. É por iso que se entregan estas lecturas que están á disposición da cidadanía na biblioteca pública municipal e que abordan temáticas que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos machistas e discriminatorios, así como a perpetuación dos estereotipos e roles de xénero.
Estes novos libros súmase aos de Viveiro, Sarria, Vilalba, Quiroga, Trabada, Cervantes e Meira, así como aos dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. En total, son 3 maletas as que están a percorrer a provincia actualmente, cun total de 36 libros.