Barreiros promove a inclusión tecnolóxica cun novo ciclo de cursos dixitais gratuítos

O Concello de Barreiros acollerá nas vindeiras semanas tres cursos gratuítos enmarcados no programa “É para Dixitalizarse, Lugo”, unha iniciativa impulsada pola Deputación Provincial de Lugo que busca achegar a aprendizaxe dixital á veciñanza do medio rural e fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías na vida cotiá.
As sesións formativas desenvolveranse na aula CeMIT de Barreiros os luns, martes e xoves en horario de 10:00 a 12:00 horas e estarán abertas a toda a poboación interesada en mellorar as súas competencias dixitais.
O calendario formativo inclúe tres módulos:
- A00 – Informática básica, que se impartirá do 27 de outubro ata finais de decembro.
- B00 – Certificados dixitais, programado para o mes de xaneiro.
- D00 – Banca electrónica, que se celebrará ao longo do mes de febreiro.
As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 666 875 946 ou de maneira presencial na aula CeMIT de Barreiros.
Desde o Concello subliñan que esta proposta representa unha “excelente oportunidade para seguir avanzando na inclusión tecnolóxica da cidadanía”, ofrecendo recursos que faciliten o acceso ás ferramentas dixitais “de forma segura, práctica e adaptada ás necesidades do día a día”.
Ademais, lembran que toda a información relativa ao programa e ao resto de cursos dispoñibles pode consultarse na páxina web oficial yparadigitalizarselugo.com.