Barreiros promove a compostaxe cunha nova campaña de reparto de composteiros individuais

AMariñaXa
O Concello abre o prazo para solicitalos a partir do 1 de agosto, cun posto informativo diante do centro de saúde e prioridade para persoas empadroadas
composteiros-Antas-de-Ulla
29 Jul 2025

O Concello de Barreiros vén de poñer en marcha unha nova campaña destinada a fomentar a reutilización dos residuos orgánicos mediante o reparto de composteiros individuais entre a veciñanza. A iniciativa busca reducir a cantidade de lixo que se deposita no colector verde e, ao mesmo tempo, obter un produto útil como é o compost, que pode empregarse como abono natural en hortas e xardíns.

A primeira acción da campaña terá lugar o venres 1 de agosto, cun posto informativo que se instalará diante do Centro de Saúde entre as 8:30 e as 13:00 horas. Alí, as persoas interesadas poderán informarse sobre o proceso de compostaxe e anotar os seus datos para solicitar un composteiro. Tamén se abrirá a posibilidade de apuntarse chamando ás oficinas municipais no teléfono 982 124 002. O prazo para facelo estará aberto ata o 14 de agosto.

Segundo informou o Concello, os composteiros entregaranse por rigorosa orde de solicitude, dando prioridade ás persoas empadroadas en Barreiros. Ademais, a entrega irá acompañada dunha xornada formativa na que se explicará o funcionamento do sistema e se resolverán posibles dúbidas. A iniciativa incluirá tamén visitas de seguimento e asesoramento técnico posterior.

Dámaso Ratoeira, concelleiro de Medio Ambiente, sinala que “calquera persoa cun pequeno espazo exterior pode facer compost e contribuír así á redución do lixo doméstico, mellorando os custos económicos e ambientais da súa xestión”. Ratoeira lembra que se poden empregar restos de froita, verdura, podas, céspede, cascas de ovo ou pousos de café para elaborar este abono natural.

Desde o Concello insisten en que esta campaña é unha oportunidade para concienciar sobre a importancia da compostaxe doméstica como ferramenta de sustentabilidade, ademais de permitir aproveitar os residuos orgánicos dun xeito sinxelo e práctico.

⚙ Configurar cookies
0.1654999256134