Barreiros presentará ao sector hostaleiro a versión final da ordenanza de terrazas antes da súa aprobación

AMariñaXa
O Concello convoca unha reunión para explicar os cambios incorporados ao texto, que busca regular actividades excepcionais con seguridade xurídica e respecto ao descanso veciñal
casa-do-concello-de-barreiros
22 Jul 2025

O Concello de Barreiros convocou ao sector da hostalería local a unha reunión informativa que se celebrará mañá, mércores 23 de xullo, ás 10:30 horas no Salón de Plenos. O obxectivo deste encontro é trasladarlles aos profesionais do sector o texto definitivo da nova ordenanza reguladora de terrazas, que será levado ao pleno municipal o próximo 28 de xullo para a súa aprobación.

A alcaldesa, Ana Ermida, lembrou que esta xuntanza responde a un compromiso adquirido co sector hostaleiro. “Prometéramos facer esta reunión unha vez analizadas as alegacións presentadas e introducidas as modificacións necesarias para mellorar a proposta inicial”, explicou. Segundo indicou, o texto ten como finalidade dotar de respaldo legal unha actividade que vén medrando nos últimos anos, especialmente en establecementos que non teñen como actividade principal a realización de espectáculos ou música en directo.

Ermida aclarou que moitos locais que ofrecen este tipo de eventos non contan cunha licenza específica que os ampare, o que xustifica a necesidade dunha normativa concreta. “O que buscamos é garantir que este tipo de actividades poidan desenvolverse con seguridade xurídica, ao tempo que se respecta o dereito ao descanso da veciñanza e se evita interferir no normal desenvolvemento da vida cotiá”, afirmou.

A rexedora subliñou que se trata de regular situacións excepcionais e, por iso, é necesario establecer condicións claras que eviten conflitos. Neste sentido, fixo fincapé en que a nova ordenanza tamén aclara cuestións relacionadas coa música ambiental, tras detectar certas inquedanzas ao respecto durante o período de exposición pública do texto.

“A música ambiente nunca estivo en cuestión, nin se pretendeu limitala. Por iso procuramos mellorar a redacción da ordenanza para que quedase claro que esta modalidade está permitida”, asegurou Ermida.

Con esta nova normativa, o Concello de Barreiros pretende ofrecer un marco claro e equilibrado entre o fomento da actividade económica e o benestar veciñal.

⚙ Configurar cookies
0.14778184890747